Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación ‘Camino del Mar’ chegará este domingo á praza do Obradoiro

A Mariña, 22 de xullo, 2022. O domingo, día 24 de xullo, véspera do día do Apóstolo chegará o grupo de Asoc. ‘Camino del Mar’ á praza do Obradoiro despois de percorrer o camiño histórico de peregrinación que discorría polas comarcas da Mariña Lucense, Ortegal e Ferrolterra. O Camiño do Mar.

Comezaron o 8 de maio en Ribadeo e rematarán o 24 de xullo en Santiago de Compostela despois de percorrer 277 kms nas 12 xornadas planificadas con este proxecto. 8 xornadas polo Camiño do Mar e 4 xornadas polo Camiño Inglés.

Desde a Asociación Camiño de Mar valoran este proxecto como moi positivo, xa que serviu para dar a coñecer o propio Camiño e tamén o patrimonio cultural, histórico, etnográfico e paisaxístico que nos ofrece o noso territorio e que o Camiño do Mar serve de introductor na súa posta en valor. Desde que se puxo andar este proxecto notouse un incremento moi grande de interese por parte de editoriais e xentes que queren descubrir o propio Camiño do Mar.

Este proxecto contribuíu a potenciar e dar a coñecer un dos recursos máis importantes que ten as nosas comarcas e concellos, un Camiño de Peregrinación a Santiago con moita historia e documentación que caeu no esquecemento nos últimos dous séculos, pero que grazas ao labor que se está realizando está a recuperarse, mostra diso é o paso de peregrinos estranxeiros interesados polo Camiño do Mar, distintos xornalistas especializados que están a realizar o Camiño do Mar e peregrinos de distintos lugares, algo que non viña ocorrendo en anos.

A asociación dá as grazas a todos os concellos que colaboraron polos que discorre o Camiño do Mar con este proxecto e ao mesmo tempo co seu propio concello, en poñer en valor, quizais o valor patrimonial máis importante que se posúe. Bótase en falta ao propio Xacobeo ao que se lle pediu unha colaboración simbólica de merchandising hai uns meses, sen contestación. Lembran que se está incumprindo o acordo parlamentario por parte da Xunta de Galicia.

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver os trámites e xestións que estime oportunas co obxecto de oficializar como ruta xacobea este novo viario de peregrinación coñecido como Camiño do Mar, de tal xeito que se inicien os traballos para a divulgación e promoción deste percorrido que empeza en Ribadeo, continúa polos concellos de Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ortigueira, Cedeira e chega ata Neda, no que se funde coa ruta oficial do Camiño Inglés e chega ata Santiago.”

Hai xente que non é consciente que os Camiños, aínda que hai xente poñendo pedras, seguen indo para adiante. Os Camiños fanos os peregrinos, que cada vez son máis. A sinalización realizada hai anos foise reforzando, a medida que se foi camiñando, metendo uns sprais e pintando as frechas amarelas.

Exit mobile version