Trasladoulle a preocupación pola falta de persoal que se agudiza durante o verán, polo incremento de poboación e falta de cobertura do persoal habitual
Neste sentido, trasladoulle que “nesta situación, atopamos que a única cita dispoñible no servizo de pediatría -xa de por si escaso durante todo o ano- para o todo o mes de xullo é o día 18 de xullo, non podendo obter outras citas neste servizo. Isto supón que a atención de nenas e nenos recaia sobre o persoal médico do centro que tamén estará minguado durante o verán.
Polo tanto, “a previsión fai que a saturación do persoal que se manteña no centro, tanto facultativo como administrativo, sexa moi acuciante debido non só a ter que facerse cargo das cartillas de compañeiras e/ou compañeiros ausentes; senón tamén do cupo de pediatría e das persoas desprazadas.”
Por este motivo reiteroulle novamente “a necesidade de reforzar durante os meses de verán o persoal do centro de saúde de Barreiros, non só dando cobertura ás vacantes que poidan existir por distintos motivos, senón tamén destinando persoal de reforzo ao mesmo.” Do contrario, explicou, “o deterioro ao que está permanentemente sometida a atención primaria verase agravado e perxudicará notablemente a atención recibida e o propio sistema sanitario público; co que iso supón na creación de desigualdades entre as persoas en función dos recursos e máis nunha época tan complicada economicamente como a que estamos a vivir”.
Por todo o exposto, e á vista da situación que se está a vivir e as previsións de empeoramento da mesma, a carta remata facéndoo “coñecedor dun importante malestar na poboación deste concello con respecto á atención primaria no Centro de Saúde e solicitarlle a dotación do persoal mínimo para unha correcta atención das veciñas, veciños e persoas desprazadas polo correspondente persoal para garantir os dereitos sanitarios dos mesmos e a calidade da atención sanitaria e do propio persoal en Barreiros.”