Burela, 16 de xuño de 2022. Na mañá de hoxe celebrouse no Concello de Burela a presentación do Memorial “Heroes do Orzán” Rodrigo Maseda Lozano. O torneo de Fútbol Sala Base organizado pola Fundación Imdecum en recordo do policía burelao Rodrigo Maseda Lozano e dos seus compañeiros Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez finados en 2012 na praia coruñesa do Orzán tentando rescatar a Tomas Velicky que tamén faleceu no mar coruñés.
Na presentación, xunto ao presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna Almarza e o director técnico do Memorial, Alfonso Mera Río, participaron o alcalde de Burela, Alfredo Llano García, o concelleiro de Deportes de Burela, Ramiro Fernández Rey, o Inspector Xefe Accidental da Comisaría Local do Corpo Nacional de Policía de Viveiro, o concelleiro de Deportes de Cervo, David Rodríguez Pernas, en representación da Cruz Vermella Sonia Fraga Seara e o xerente do Pescados Rubén Burela FS, Fernando López Otero.
Este ano cúmprese a IX edición do Memorial que terá lugar os días 24,25,26,27 e 28 de xuño en cinco concellos de A Mariña Lucense: Burela, Foz, Xove, Cervo e Viveiro. O evento deportivo contará con tódalas categorías de base: biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete feminino, cadete masculino e xuvenil. Coma en edicións anteriores no Memorial participarán unha gran representación de clubes galegos e tamén de outras comunidades autónomas coma Castela e León, Asturias e Madrid. A falta dos últimos detalles, a organización agarda unha participación de 650 deportistas entre os 55 equipos inscritos o que supón unha reactivación do evento moi positiva desde o punto de vista deportivo e turístico de A Mariña.
O regreso do Memorial, tras a interrupción causada pola pandemia do Covid-19, non sería posible sen a colaboración das diferentes administracións públicas; Deputación de Lugo, a través do Plan Único co Concello de Burela e da área de Vicepresidencia Deportes, os concellos mariñaos de Burela, Foz, Cervo, Xove, Viveiro e o IES Monte Castelo pola cesións das súas instalacións. Tamén gracias a colaboración de entidades coma OPP-7 Burela a través da súa campaña “Eu como peixe”, Estrella Galicia, Pescados Rubén Burela FS, Halcón Viajes e BCD Sports. Mención especial para a Policía Nacional e a Cruz Vermella pola súa labor diaria e, especialmente, polo seu gran esforzo durante o tráxico suceso na praia herculina na que os Heroes do Orzán deixaron un legado que hai que coidar.