Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro reforza a súa colaboración coas persoas xordas mediante a cesión dun espazo municipal para atender aos usuarios da comarca

Viveiro, 6 de xuño de 2022. O Concello de Viveiro reforza a súa colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) mediante a cesión dunha aula de titularidade municipal para atender, un día á semana, a usuarios de toda a comarca.

Iker Sertucha, Presidente da FAXPG, acompañado da Coordinadora do Servizo de Emprego, Cristina Castro, e técnicas do mesmo servizo, reuníronse esta tarde coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, para coñecer os obxectivos da federación e os programas nos que están a traballar.

“Para o Concello de Viveiro é unha honra poder colaborar coa Federación, facilitando o uso dun espazo no que atender ás persoas xordas na comarca ofrecendo información, asesoramento, formación e capacitación para lograr o seu emprego, así como para aumentar o nivel de autonomía na súa búsqueda”, explica Loureiro.

O compromiso do concello coas persoas xordas comezou xa hai tempo, con iniciativas como a de adicarlle a edición de 2019 de ‘Superarte’, unha iniciativa da concellería de Cultura; o programa ‘Viveiro Inclúe’ para sensibilizar sobre as persoas con diversidades funcionáis; os cursos de linguaxe de signos, ou a adquisición de varias mochilas vibratorias Subpac.

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), fundada en 1979 e integrada por oito asociacións, é a entidade de referencia para o colectivo de persoas xordas en Galicia e ten como misión acadar o desenvolvemento integral das persoas xordas na comunidade galega, en condicións de accesibilidade universal, preservando a Lingua de Signos Española (LSE) como valor principal.

A FAXPG presta servizos nos ámbitos da accesibilidade, o emprego, a formación e os servicios sociais contando con axencias de atención nas sete cidades galegas. Na súa vocación por achegarse ás persoas xordas do rural, actualmente está a despregar accións específicas en colaboración con diferentes concellos de toda Galicia para desenvolver actividades grupais e individuais que fomenten a autonomía persoal das personas xordas de zonas rurais.

En concreto no eido do emprego, a Federación está a desenvolver este ano dous programas que teñen por obxectivo promover a inserción laboral das persoas xordas: o programa Portas abertas, dirixido específicamente a mulleres xordas do rural, e o Programa Integrado de Emprego con especial inicidencia no Rural (PIER), que pretende acadar a inserción laboral de 131 persoas xordas de toda Galicia durante o 2022.

Exit mobile version