César Mogo reivindica as actuacións do goberno socialista de Pedro Sánchez en Lugo que incrementou o orzamento para a provincia de 104 a 304 millóns de euros
Madrid, 29 de xuño de 2022. A Comisión de Transportes do Senado aprobou hoxe por unanimidade unha moción socialista para que se manteña o esforzo inversor nas infraestruturas da provincia de Lugo e se impulse, entre outras actuacións, o desenvolvemento da autovía da Mariña e da A-56.
O senador socialista César Mogo criticou a parálise da obra pública en Lugo durante o goberno de Mariano Rajoy e aplaudiu a súa reactivación coa chegada do goberno progresista liderado por Pedro Sánchez.
Ao fío disto, Mogo reivindicou o impulso da A-54, os máis de 500 millóns de investimento na modernización do ferrocarril Lugo-Ourense ou as actuacións no ancho métrico que atravesa A Mariña, “investimentos constantes e soantes” dun orzamento para Lugo que creceu dende os 104 aos 304 millóns de euros.
Fronte a isto, lamentou o dirixente socialista, “o PP móvese só por intereses partidistas” e, por iso, atópase nunha “ofensiva para tentar confundir e desprestixiar os investimentos” do goberno do Estado en Lugo ao construír “unha realidade política paralela para tentar levar á pelexa o que é indiscutible”.
“Queda moito por facer, pero temos xa perspectiva para saber que dende 2018 se reanudou a obra pública na provincia tralo paréntese escuro en infraestruturas do goberno de Rajoy”, ante o que o PP de Lugo “calou durante case sete anos e agora pide todo e ao mesmo tempo cunha pulsión polo gasto público que só ten na oposición”.