Mondoñedo, 6 de xuño, 2022. Un accidente entre dous camións na A-8, á altura do punto quilométrico 540, saldouse cun dos condutores evacuado ao centro hospitalario de referencia na mañá de hoxe.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso preto das nove horas, a través da chamada de diversas testemuñas que presenciaron o accidente. Segundo a información facilitada aos xestores de emerxencias, dous vehículos de transporte de mercancía chocaron cando circulaban polo concello de Mondoñedo, sentido Lugo.
De inmediato, desde o 112 pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron ao 112 Galicia que foi necesario cortar a circulación nun dos carrís para facilitar a retirada dos vehículos sinistrados, un camión caixa e outro de transporte de madeira.
Finalmente, un dos condutores foi trasladado en ambulancia ata o centro médico.
Co fin de prestar apoio nas tarefas de restablecemento da seguridade na vía, ata o punto tamén se desprazaron os medios responsables do mantemento da estrada. Ademais, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil de Mondoñedo, por se fose necesaria a súa colaboración.