Ribadeo, 16 de xuño de 2022. Toda a oferta de Formación Profesional dos nove centros de A Mariña que imparten este ensino darase a coñecer nunha xornada que se celebrará no Cine Teatro de Ribadeo o vindeiro luns, 20 de xuño, de 10 a 14 horas. Este evento, que se celebra por primeira vez, está organizado polo CIFP Porta da Auga e é aberto ao público con entrada libre e gratuíta.
O director do Porta da Auga, Isidro Berdeal Díaz, acompañado pola xefa de estudos do centro ribadense, Leticia López Adrio, anunciou que “para o vindeiro luns, 20 de xuño, estamos organizando, en colaboración e supervisada pola Dirección Xeral de Formación Profesional, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, unha xornada para dar a coñecer a oferta de FP que temos na Mariña e todas as actividades que se fan en torno á Formación Profesional. A esta xornada, que se inaugurará ás 10 da mañá, asistirán o director xeral e o subdirector xeral de Formación Profesional; e o segundo participará despois na exposición dunha das mesas temáticas, concretamente sobre as posibilidades da FP Dual en Galicia. E a posteriori intervirán os distintos centros que temos Formación Profesional na Mariña, que somos nove, en distintas charlas para falar de temas como os cursos de formación específica; a FP para persoas adultas, o procedemento de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais; a innovación que se está producindo nos últimos anos na Formación Profesional; os campionatos que se organizan dos distintos graos de FP básica, media e superior; a participación e as experiencias que temos en Erasmus distintos centros da comarca; e finalmente a mesa prevista para as 12:50 horas, na que cada un dos centros expoñerá a oferta educativa que temos para o vindeiro curso 2022-23”.
“Convidamos a asistir ao evento, que se retransmitirá por streaming a través da canle FP Galicia do facebook da Consellería, no Cine Teatro de Ribadeo, que ten capacidade para albergar a moita xente que teña inquedanzas sobre a Formación Profesional que hai en toda A Mariña”, engadiu o director do CIFP Porta da Auga, quen comentou tamén que “a entrada é libre e gratuíta e haberá un stand de cada un dos centros, nos que se poderá recoller información da oferta educativa que temos. E o IES de Foz traerá un furgoneta con servizo de café para que a xente que asista á xornada poida tomar un café elaborado polo profesorado e alumnado de Hostalería do centro educativo focense”.