120 veciños e veciñas de Lugo, Pantón, O Páramo e Vilalba participan esta semana nesta actividade da Deputación, grazas á que coñecerán os diferentes recursos turísticos de Sober, Barreiros, Ribadeo, Cervo, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz
Lugo, 21 de xuño de 2022. Seis entidades de toda a provincia participan, dende este martes e ata o xoves, no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Esta semana serán colectivos de Lugo, Pantón, O Páramo e Vilalba os que viaxen gratuitamente grazas a esta iniciativa impulsada pola institución provincial para dar a coñecer o patrimonio natural e cultural dos diferentes concellos do territorio e dinamizar así a actividade do turismo, a hostalería e o comercio.
Os percorridos levarán a un total de 120 veciños e veciñas durante estes tres días aos concellos de Sober, Barreiros, Ribadeo, Cervo, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
A Asociación Orfeón Xoan Montes percorreu este martes a Produtora de Audiovisuais da institución provincial da man do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que destacou que con esta iniciativa “buscamos apoiar a actividade económica, e consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, que aposte polas experiencias”. Tras esta parada, estes veciños e veciñas de Lugo viaxarán ao sur da provincia, onde participarán nunha demostración de olaría tradicional na reitoral de Gundivós, visitarán a igrexa románica de San Xiao de Loibos e farán un percorrido nun catamarán da Deputación polo Canón do Sil antes de parar a comer en Sober. Unha ruta que percorrerá o xoves a Asociación de Veciños Alexandre Bóveda-Paradai, de Lugo.
Tamén esta mañá a Asociación O Piñeiro de Santa María de Tuiriz, de Pantón, visitou o Mazo de Santa Comba. Logo, este grupo desprazarase á Mariña para descubrir a riqueza natural de Barreiros e facer un recorrido a pé polo paseo marítimo ata a praia de Arealonga. Tamén visitarán As Catedrais e Rinlo e desfrutarán do casco histórico ribadense, seguindo as pegadas do Ribadeo indiano e dos comerciantes.
Xa mañá mércores, a veciñanza da Asociación Saa O Páramo parará nas instalacións do Mazo de Santa Comba da Deputación antes de viaxar ao concello de Cervo, onde coñecerá a fábrica de Sargadelos, o paseo dos Namorados e a vila de San Cibrao. Visitarán tamén outros lugares de interese como a praia do Torno ou o Museo do Mar. Na mesma xornada, os veciños e veciñas da Asociación de Insua Zoqueira, de Vilalba viaxará á Montaña logo de coñecer o Centro de Interpretación Terras do Miño. Visitarán a seimeira de Vilagocende e o Museo Comarcal da Fonsagrada, ademais dunha adega no concello de Negueira de Muñiz. O xoves será a Asociación Cultural Liga Santaballesa, de Vilalba, a que seguirá este itinerario.
Polo turismo de proximidade
Máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada do Coñece a túa Provincia. As saídas terán lugar en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.
O programa inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas son realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.