O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “o Concello pon en marcha un programa municipal de incentivos á contratación das persoas participantes do obradoiro dual Prepara o teu Camiño coa finalidade de facilitar a incorporación laboral, a empregabilidade das persoas participantes e facilitarlles unha posibilidade de adquirir experiencia no ámbito no que se formaron”.
O edil ribadense manifestou que “as empresas interesadas en contratar ao alumnado das especialidades de Xestión de marketing e comunicación e de Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos recibirán unha axuda de 1.500 euros por cada contratación. As contratacións deberán de ser a xornada completa e terán como mínimo unha duración de 3 meses”.
O concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, dixo “que o programa persegue ofrecer experiencia laboral ao alumnado que remata o período de formación e pode ser unha oportunidade para a súa incorporación no mercado laboral despois de 9 meses de formación”.
E engadiu que “o período de solicitude estará aberto ata o 27 de xuño. E a contratación deberá estar directamente relacionada coas especialidades na que o alumnado se formou. Unha vez concedida a axuda ás contratacións deberán formalizarse entre o 14 de xullo e o 29 xullo, é dicir unha vez que finalice o obradoiro e como máximo 15 días despois do remate. As bases de convocatoria están dispoñibles no taboleiro de anuncios do Concello de Ribadeo https://ribadeo.sedelectronica.gal/info.0 e se desexan máis información poden poñerse en contacto coa Área de Desenvolvemento Local”.