Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Ribadeo levate a Cuba’ é a nova campaña de Acisa na que se repartiran 100.000 rifas para participar no sorteo dunha viaxe ao país caribeño para dúas persoas

Ribadeo, 23 de xuño de 2022. Os establecementos asociados a Acisa repartirán 100.000 rifas que se porán en circulación dende mañá, 24 de xuño, ata o 10 de xullo, xornada na que terá lugar o sorteo da viaxe a Cuba no marco do Ribadeo Indiano.

Segundo indicou Jesús Pérez, xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, “dende Acisa quixemos poñer os máximos recursos posibles a disposición dos nosos socios e socias, para contribuír a facer o mellor Ribadeo Indiano e deste xeito fomentar tamén a economía local, tanto no comercio, coma na hostalaría e nos servizos, por iso nesta nova edición repetimos o sorteo dunha viaxe para dúas persoas a Cuba. Somos conscientes do éxito que tivo esta iniciativa na edición do ano 2019 e por iso nos podía faltar este ano. Dende Acisa estamos a traballar en premiar e fidelizar as compras na nosa vila nunha época na que comezan as rebaixas e aumenta a afluencia turística e sen dubida este sorteo axuda”.

Desde a organización do Ribadeo Indiano, Concello e Acisa, explican que “a viaxe que se sortea é para dúas persoas e será para desfrutar do 2 ao 10 de setembro. O premio cubre o vo de Madrid á Habana, o traslado posterior ao aeroporto, a habitación dobre con aloxamento e almorzo no hotel Habana Tryp Habana Librer de 4 estrelas durante 3 noites, o traslado desde a Habana a Varadero, habitación dobre con todo incluído 4 noites no hotel Meliá Península Varadero de 5 estrelas. Inclúe tamén vo desde a Habana a Madrid, o visado a Cuba e o seguro de viaxe”.

O xerente de Acisa asegurou que “participar no sorteo é moi sinxelo. As rifas estarán a disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 24 de xuño o 10 de xullo. O único que teñen que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas deberán ir debidamente seladas polos establecementos e cubertas con nome, apelidos e DNI do cliente, que será quen conserve as rifas no seu poder ata o 10 de xullo, xornada na que de 11:00 a 21:30 horas poderán introducilas na urna do sorteo no posto que estará situado na Praziña de San Roque. O sorteo terá lugar de forma presencial tras a actuación da mexicana Lila Downs nese mesmo escenario. Alí collerase unha rifa da urna, e dirase o nome por megafonía dando 5 minutos de tempo para que apareza o premiado. De non presentarse nese tempo volverase sortear cantas veces faga falta ata entregar o premio. A persoa gañadora deberá acreditar que o seu número de DNI coincide co escrito na papeleta premiada”.

Jesús Pérez advirte “non serán validas as papeletas sen algún dos datos persoais ou sen o selo do establecemento. As bases do sorteo e o listado de establecementos adheridos están dispoñibles na web e redes sociais do Ribadeo Indiano e de Acisa. Tamén figurarán na rifa e no cartel identificativo dos establecementos asociados as normas básicas”.

Desde Acisa o seu xerente tivo palabras de agradecemento para o Concello e para os patrocinadores: “quero agradecer de forma especial, en primeiro lugar ao Concello de Ribadeo, que cofinancia e colabora na súa organización, xa que esta actividade é unha acción de dinamización de Acisa que axustamos e facemos coincidir co Ribadeo Indiano para facelo mais atractivo. E tamén quero agradecer aos nosos patrocinadores: Estrella de Galicia, Galipizza, A Cofradía, Banco Sabadell, Caixa Rural e COCAHI, xa que sen a súa inestimable axuda non poderiamos poñer en marcha este sorteo”.

E engadiu: “dende Acisa Ribadeo queremos resaltar o noso compromiso coa organización do Ribadeo Indiano e polo tanto tamén co traballo en estreita colaboración co Concello de Ribadeo para levalo a cabo, e por iso este ano estamos a facer o maior esforzo económico posible. O Ribadeo Indiano é un traballo conxunto, no que ambas entidades aportamos o que somos capaces, cada un dende as súas posibilidades, para levar a cabo un gran evento que dinamice a economía local e fomente o turismo”.

No acto de presentación do sorteo da viaxe a Cuba participaron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, os concelleiros de Cultura e Turismo, Pilar Otero e Pablo Vizoso, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, e Carmen Cruzado, vogal da asociación ribadense.

Exit mobile version