O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “este programa de actividades xirou entorno á posta en marcha e o mantemento dunha horta ecolóxica para empregala como ferramenta didáctica, que permitiu tanto a profesores como a estudantes poñer en práctica, mediante experiencias directas e estando en contacto coa natureza, contidos propios dos deseños curriculares de cada nivel educativo”.
O edil ribadense indicou que “a través da horta os estudantes adquiriron unha mirada crítica do ambiente, traballando en equipo con iniciativas innovadoras, creativas e integradoras. Aproveitando ademais o potencial do actual xardín do centro, deseñáronse actividades para concienciar ao alumnado de que este recurso beneficioso para todos hai que respectalo, valoralo, coidalo e sobre todo gozalo, e gozalo aprendendo”.
E engadiu que “foi un proxecto ilusionante no que participaron 230 nenos e nenas entre 5 e 10 anos e que desde o centro esperan poder continuar o vindeiro ano”.
O programa de emprego para persoas mozas Territorio Vivo, cofinanciado no 91% polo Fondo Social Europeo e pola iniciativa de emprego xuvenil e na porcentaxe restante pola Consellería de Emprego e Industria, continuará ata o 12 de agosto desenvolvendo nos concellos de Ribadeo e Barreiros iniciativas para poñer en valor o patrimonio natural, histórico e documental de ámbolos dous concellos.