O programa realizouse en 15 escolas de educación infantil en distintos concellos do territorio, dende Ribadeo ata Valdoviño e achegou contido específico sobre o sector da pesca, especies comerciais, artes e aparellos e contaminación mariña a máis de 700 escolares, a través dunha metodoloxía práctica e de observación adaptada aos escolares e posta en marcha a través dun equipo de oceanógrafos con experiencia na execución de programas e actividades de divulgación científica sobre medio mariño.
Das temáticas que se ofrecían aos centros (1 Quen vive no noso mar?, 2 Imos á peixería!, 3 Basuras mariñas ou 4 Artes e aparellos de pesca) as máis escollidas foron as que versaban sobre a fauna da ría e as basuras mariñas.
Ademais o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro agasallou aos cativos con materiais didácticos sobre o medio mariño e o sector pesqueiro do territorio e con materiais adornados con diferentes especies mariñas.