Site icon Crónica3.com A Mariña

Publicada a concesión de axudas para actividades culturais, convocadas pola Vicepresidencia da Deputación

Maite Ferreiro destacou o compromiso da Vicepresidencia coas asociacións de base, entre as que se distribúen 200.000 euros

Lugo, 2 de xullo de 2020. Este martes publicouse no Boletín Oficial da Provincia a concesión provisional de axudas de concorrencia competitiva para a organización de actividades de interese cultural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Máis de 175 colectivos e culturais das distintas comarcas resultaron beneficiarias da convocatoria, que conta cun orzamento total de 200.000 euros.

A través das achegas, a Vicepresidencida da Deputación de Lugo financia clases de música e baile tradicional, obradoiros de teatro, narración oral ou pintura, actividades de formación no eido das artes escénicas, a produción de documentais, a celebración de festivais, certames, xornadas relacionadas coa historia ou patrimonio, así como outras actividades de posta en valor das tradicións e do patrimonio inmaterial organizadas por asociacións en todo o territorio da provincia.

A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “con esta convocatoria renovamos o noso compromiso coas asociacións distribuídas polas parroquias, concellos e comarcas, que facilitan o acceso á actividade cultural en todo o territorio e xeneran un dinamismo moi necesario para o sostemento do tecido ecónomico vinculado a creación e á produción cultural”.

Engadiu que “a cantidade de solicitudes recibidas confirma que o tecido cultural de base se sobrepuxo á pandemia, e estamos orgullosas de poder decir que contribuímos a esa fortaleza, coas adaptacións da convocatoria que fixemos os dous últimos anos” e lembrou tamén que “estas axudas directas aos colectivos culturais se complementan coas programacións teatrais, musicais e audiovisuais que se desenvolven ao longo do ano desde a área de Cultura, para as que sempre se conta coas demandas das asociacións”.

A resolución publicada este martes no BOP ten carácter provisional. As entidades solicitantes teñen un prazo de dez días hábiles -ata o 6 de xullo- para presentar alegacións.

Exit mobile version