A Vicepresidencia da Deputación de Lugo editou o volume, que distribuirá aos centros educativos e bibliotecas públicas da provincia
Trátase de imaxes realizadas para o Certame de Fotografía Matemática que o departamento de Matemáticas ven convocando desde o 2010, co obxectivo de amosar ao alumnado na aprendizaxe desta disciplina científica. A publicación, coordinada por Sabela Núñez Singala e Rubén Sanjurjo Muíña, recolle unha escolma das máis de 500 fotografías que se presentaron ao concurso, dando difusión a un traballo que ata agora só se visibilizara no propio centro e que amosa que “vivimos rodeados de matemáticas”.
Así, o volume recolle 69 fotografías de formas arquitectónicas, obxectos cotiás ou elementos naturais que ilustran as aplicacións prácticas desta disciplina e axudan a comprender diferentes conceptos matemáticos.
A Vicepresidencia da Deputacíon de Lugo editou 500 exemplares deste volume, que se repartirá entre alumnado e profesorado do IES Enrique Muruais e se remitirá ao resto de centros de ensino e bibliotecas públicas.
“Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo consideramos unha obriga colaborar coa comunidade educativa da provincia naqueles proxectos que axuden a facer visible o labor que se desenvolve nos centros de ensino públicos”, explica a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, que puxo en valor “a publicación de material en galego arredor de disciplinas científicas”.
A presentación, na que participarán Maite Ferreiro e as persoas coordinadoras da publicación, será ás 19.00 horas na Casa da Cultura da Pontenova.