Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos de Galicia lamenta a falla de implicación do concello no mantemento da embarcación ‘Carmela’ que abocou a retirala do peirao de Burela por razóns de seguridade

O ente público lembra que a decisión de despezar a embarcación foi do seu propietario ao non dar froito as xestións coa Administración local e con outros organismos para buscar unha solución alternativa

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022. Portos de Galicia lamenta o despezamento da embarcación de salvamento da Cruz Vermella Carmela, que estaba instalada no porto de Burela como homenaxe á xente do mar, e aclara que foi necesaria a súa retirada de terreos portuarios por cuestións de seguridade.

O ente público subliña que as xestións para a súa retirada comezaron hai anos ante o seu estado de abandono e a ausencia de tarefas de mantemento, o que supoñía un importante risco para os vehículos que estacionaban nas súas proximidades e para as persoas que paseaban pola súa contorna.

Portos de Galicia estivo en contacto permanente coa Cruz Vermella -propietaria do barco- mentres a entidade mantiña conversas coa Administración local e outros organismos coa finalidade de trasladalo a outra localización ou buscarlle un uso alternativo. Neste sentido, a intervención do ente público limitouse a solicitar a retirada da embarcación por cuestións de seguridade e foi o seu propietario quen tomou a decisión de despezala.

O organismo autonómico lamenta que os contactos para garantir a continuidade da Carmela non desen froitos pois trátase dunha embarcación histórica que entrou en servizo no ano 1980 e que realizou importantes labores de rescate e salvamento marítimo na Mariña lucense nas décadas seguintes.

Exit mobile version