Marta Rey interpelou ao Alcalde sobre o futuro uso do edificio do antigo xulgado de paz. “Queremos estudar as posibilidades que existen neste edificio, unha vez estea rehabilitado e escoitar a tódolos colectivos para darlle un bo destino”
Ribadeo, 1 de xuño de 2022. Os Socialistas de Ribadeo demandaron ao Concello, no pleno do mes de maio, que se habiliten a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos na vila. “Estamos vivindo un proceso de transformación dixital en tódolos ámbitos, e os vehículos eléctricos é un sector que esta medrando a pasos axigantados, tal e como comprobamos nos demais concellos. Por iso nos parece prioritario a instalación destes puntos de recarga, xa que entendemos que tamén é un aliciente máis para visitarnos e pernoctar na vila”, remarcou o concelleiro socialista, Francisco Torviso.
Nesta mesma sesión plenaria, a Voceira Socialista, Marta Rey instou ao Goberno Local a adecentar a praia dos Bloques, así como a que se proceda a apertura dos baños públicos. “Coa chegada do bo tempo recibimos queixas dos usuarios desta praia, que reclaman a limpeza deste areal que presenta moi maleza e a apertura dos baños”, sinala.
A Voceira interpelou ao Alcalde sobre o futuro uso do edificio do antigo xulgado de paz. Hai que lembrar que o Concello solicitou unha axuda ao goberno do Estado para a rehabilitación deste edificio municipal que estivo a ser utilizado durante moitos anos como sede do xulgado de paz de Ribadeo. “Queremos estudar as posibilidades que existen neste edificio unha vez estea rehabilitado, e escoitar a tódolos colectivos para darlle un bo destino”, insistiu.
O Grupo Socialista de Ribadeo tamén defendeu unha moción, neste pleno, para instar á Xunta a que modifique o programa Coidados Porta a Porta, e garanta o acceso permanente ós servizos sociais para todos os veciños e veciñas do rural. “Presentamos esta proposta, que tamén foi aprobada na Deputación, porque nos parece esencial defender a calidade e a universalidade dos servizos públicos no rural fronte ós continuos recortes aplicados pola Xunta, especialmente en Sanidade e Educación. Pero lamentablemente non contamos co respaldo do PP, entendemos que están máis preocupados por saír nas fotos e nos carteis que por traballar polo futuro do noso Concello”, replican dende o PSdeG.
Publicidade institucional
Por último o Grupo Socialista apoiou a proposta do Goberno Local sobre a publicidade institucional das obras financiadas no Concello polas diferentes administracións. “Cando unha institución ou administración pública financia un proxecto na vila debemos de publicitalo, tal e como marcan as propias normativas e incluso os propios pregos de condicións que regulan esta inversión. Pero en Ribadeo o PP esta máis preocupado por tapar que por poñer, non queren que a cidadanía coñeza como se financian os proxectos que se executan aquí, como por exemplo no colexio Gregorio Sanz. Pero si queren poden poñer un cartel na Residencia de Maiores, no que se poda leer: XUNTA E PP CERO EUROS”, ironizan dende o PSdeG.