Reclaman ao Goberno que “concrete os prazos para a redacción dos proxectos e o inicio a maior brevidade das obras da A-74, entre Barreiros e San Cibrao, así como un incremento do investimento nesta autovía para o ano 2023”
Lugo, 29 de xuño de 2022. Os senadores do PP por Lugo, Rosa Arza, José Manuel Barreiro e Manuel Lorenzo Varela, insisten en demandar do Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez investimentos nas grandes infraestruturas da provincia, tanto no que se refire autovías como ao ferrocarril. Así o fan esta vez mediante emendas a unha moción presentada polo PSOE. Nesta liña, os populares, respecto ao ferrocarril Lugo – Ourense, demandan “que se execute a total licitación e adxudicación dos fondos orzamentados destinados á mellora e modernización desta vía, dado que o pasado ano unicamente licitáronse 382 millóns e adxudicáronse 221 dos 546 orzados”. Igualmente, solicitan “un maior esforzo inversor de fronte ao ano que vén, a ver se dunha vez conseguimos ver terminadas esas obras de mellora que, en calquera caso, non perseguen transformar a liña en alta velocidade senón unicamente adecuala para que sexa segura e estea operativa o maior tempo posible”.
Con respecto ao ferrocarril, os populares engaden un punto con respecto á proposta socialista. Ten por obxectivo “restablecer e mellorar as comunicacións e os servizos ferroviarios entre Lugo, Galicia e o resto da Península, construíndo a variante de Rubián e a ligazón de Os Peares”. Tamén para “aumentar as frecuencias e os horarios en múltiples traxectos tal e como demandan os cidadáns, restablecer a totalidade de liñas ferroviarias canceladas durante a pandemia e a atención persoal en estacións como as de Sarria, Burela, Ribadeo ou Viveiro”. Non esquecen reclamar a chegada dos trens Avril durante o mes de xullo.
O outro punto que propoñen os senadores populares é para “mellorar as comunicacións por estrada entre Lugo, Galicia e o resto da Península, executando a A-76, que arrastra un inmenso atraso tanto no proxecto dalgúns tramos como na execución doutros”. Inclúen a reparación da estradas nacionais N-120, N-640 e N-540. Destacan a necesidade de establecer o máis axiña posible alternativas para os condutores tras o derrube do viaduto da A-6 en Castro.
En canto a autovía Lugo-Santiago (A-54), os senadores lucenses lembran que “o actual Goberno dixo que ía estar finalizada en maio de 2022; despois, dixeron que sería imposible a súa finalización este ano e máis tarde que non podería quedar acabada ata 2024”. Engaden: “Este cambio de parecer produciuse en só dous meses. Este é o grao de compromiso do Goberno con Lugo. Este é o valor que lle outorgan á palabra dada. Dende o Partido Popular advertimos de que non se está detectando movemento suficiente para rematar as obras nin sequera en 2024 e que, conforme aos cálculos de investimento mensual realizados polo propio Ministerio de Transportes, a obra non se rematará ata o 2026”. Por elo, demandan “intensificar as obras nos dous tramos que restan para a finalización”. Reclaman tamén que se impulse a execución da autovía A-56.
Barreiro, Arza e Manuel Lorenzo intentan, mediante unha emenda, que o Goberno concrete os prazos para a redacción dos proxectos e o inicio a maior brevidade das obras da A-74, entre Barreiros e San Cibrao, así como un incremento do investimento nesta autovía para o ano 2023.