Viveiro, 14 de xuño, 2022. A sentenza do Xulgado do Social N.º 4 de Lugo, ditada o pasado mes de maio no procedemento de despido dunha limpadora dun centro educativo que a empresa adxudicataria do servizo non subrogou, absolve ao Concello de Viveiro de todas as peticións formuladas.
Esta sentenza confirma polo tanto que a actuación municipal foi axustada a dereito, avala a actuación municipal e constata que os trámites levados a cabo no seu momento polo Concello contaban coa correspondente motivación e amparo xurídico.
Dende o Concello laméntase a politización deste asunto por parte da oposición, que, nunha actitude vergoñenta, sobre todo por parte do Partido Popular e, especialmente por parte da concelleira do BNG, se levou esta cuestión á opinión pública, pedindo a comparecencia da Alcaldía ante o Pleno e realizando acusacións totalmente infundadas.
O Concello de Viveiro respeta en todo momento as decisión xudiciais, e respetará, como non podía ser doutro xeito, a eventual sentenza que poida adoptar a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ante un eventual recurso, posto que esta sentenza non é firme. De tódolos xeitos, o seu fallo deixa totalmente claro que este Concello, en ningún caso, actuou de forma irregular.
Como xa se explicou pola Alcaldía, durante a súa comparecencia sobre este asunto ante o Pleno da Corporación, calquera actuación realizada no ámbito administrativo pode estar suxeita a diferentes criterios interpretativos, pero isto non pode levar a formular afirmacións, como sucedeu neste caso, nas que sen fundamento algún se acusou de irregularidades.
Ante a gravidade destas acusacións e tendo en conta que por parte do PP, Por Viveiro e BNG se acordou a comparecencia pública da Alcaldía ante o Pleno para dar explicacións sobre este asunto, dende o goberno municipal enténdese necesario dar conta aos veciños e veciñas do fallo desta sentenza, da que se deu conta ao Pleno este martes día 14 de xuño.
Despois desta sentenza, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, espera que, por parte daqueles que no seu día acusaron a este Concello de irregularidades, coa mesma contundencia, neste momento, pidan desculpas.