Os populares abordaron a situación do sector de vacún de carne na reunión da Xunta Directiva provincial presidida por Elena Candia que contou coa participación do conselleiro de Medio Rural, José González
Lugo, 30 de xuño de 2022. A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, trasladou o máximo apoio da formación popular a “un dos sectores económicos de maior relevancia na provincia”, como é o sector gandeiro. Así o manifestou durante a reunión da Xunta Directiva do PP lucense deste xoves que contou coa participación do conselleiro de Medio Rural, José González, e na que os populares analizaron os apoios da Xunta de Galicia ao sector do vacún de carne.
O informe sobre custos de produción no sector da carne, elaborado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, detecta unha venda a perdas xeneralizado no sector do vacún de carne e, máis concretamente, nas granxas de Ternera Gallega Suprema. De feito, calcula que existe unha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente están a cobrar pola súa carne.
Ante estes resultados, os populares reivindican “o cumprimento da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria” porque consideran “imprescindible a venda dos produtos a uns prezos xustos para que as explotacións sexan rendibles e vexan garantida a súa viabilidade e o seu futuro”.
O Goberno galego trasladou os resultados do informe ás organizacións profesionais agrarias, os membros da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema, a distribución e a industria, que son os asinantes do “histórico” protocolo da cadea de valor da carne impulsado pola Xunta co obxectivo de frear a venda a perdas.
Medidas para valorizar a carne
Co obxectivo de valorizar a carne de Ternera Gallega Suprema nos puntos de venda e que este aumento repercuta nos prezos que reciben os gandeiros, a Xunta impulsou diversas medidas. Por unha banda, a Consellería do Medio Rural e o Consello Regulador de Ternera Gallega investirán 1,4 millóns de euros nunha nova campaña de promoción a nivel nacional.
Igualmente, a Xunta aprobou e puxo en marcha un completo paquete de medidas para paliar as consecuencias da alza de prezos no sector agrogandeiro e para achegar liquidez ás explotacións: convocou as axudas para o anticipo da PAC, habilitará unha liña de financiamento de circulante -tamén sen custo financeiro- de ata 25 millóns de euros que permitirá facer préstamos de liquidez para os gandeiros. E tamén demandou ao Banco de España a concesión dunha moratoria dun ano por parte das entidades financeiras no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos no sector agroalimentario.
Así mesmo, a Consellería de Medio Rural puxo en marcha o observatorio da cadea alimentaria e a nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia para loitar contra a venda a perdas.
Outras iniciativas do PP lucense
Candia, que eloxiou “a calidade dos produtos do noso rural e, por suposto, a labor de tódolos gandeiros”, tense interesado no Parlamento de Galicia polas medidas do Goberno galego en apoio ao sector cárnico. Tamén se reuniu recentemente co presidente da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema para reivindicar o cumprimento da Lei da cadea alimentaria para a posta en valor do produto e aumentar a rendibilidade na produción.