O PP lamenta o desinterese de Tomé e o seu equipo por “unha senda importantísima para os intereses dos concellos da montaña, que sempre mostraron a súa opinión favorable”
O portavoz popular, Javier Castiñeira sinala: “Ante o noso pesar, e en resposta a unha pregunta que formulamos, constatamos de novo que o equipo de goberno non respecta os acordos plenarios. A nosa pregunta tiña por obxectivo saber se o goberno provincial fixera algunha xestión en relación coa Gran Senda do Navia, despois de aprobar hai un ano unha moción do PP na que se instaba ao Goberno a considerar esta senda dentro dos camiños naturais de España e sobre todo a iniciar o proxecto e a obra, que inclúe concellos da montaña lucense e da zona de Asturias”. Engade: “O PP propoñía usar fondos Next Generation para crear esa senda, importantísima para os intereses dos concellos da montaña, que sempre mostraron a súa opinión favorable, pero o equipo de goberno non fixo ningunha xestión, salvo enviar o citado acordo plenario ao ministerio”.
A falta de xestión do goberno provincial, fixo que, tamén para a Gran Senda do Navia, fora un ano perdido, no que só fixo xestións o PP; os deputados do PP preguntaron varias veces ao Goberno sobre este asunto.
Castiñeira sinala: “Hai unha pasividade absoluta do goberno da Deputación e do Goberno do Estado. Cremos que a Gran Senda do Navia pode ser un revulsivo para o turismo na montaña, poñería en valor unha zona natural marabillosa, pero o equipo de goberno da Deputación, como el mesmo recoñece, non fixo absolutamente nada neste asunto”.
A Gran Senda do Navia é un proxecto que afecta a catro comarcas e 16 concellos das dúas autonomías, dos cales sete son lucenses, concretamente: Pedrafita, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Cervantes. Este proxecto foi promovido no seu día dende varios colectivos e pola Deputación de Lugo e o Principado. A tramitación da Gran Senda do Navia leva parada dende xaneiro do 2018, en que foi presentada ante a Dirección General de Desarrollo Rural y Política Forestal e que logo, coa moción de censura, quedou totalmente aparcado. A intención é conseguir a declaración de interese xeral e integrar esta senda na Red de Caminos Naturales.