Antonio Riveira preguntou cando foi a última revisión e limpeza dos filtros e por que non se desenvolve un programa de mantemento que garanta o seu correcto funcionamento e evite a contaminación
Xermade, 10 de xuño de 2022. O Grupo Municipal Popular de Xermade volveu chamar a atención do equipo de goberno, unha vez máis, en relación ao abandono das depuradoras do Concello: “están no esquecemento”. O voceiro, Antonio Riveira, condena, polo tanto, “a falta de sensibilidade ambiental por parte do goberno local ao que non lle importa o tratamento de depuración que se produce nas instalacións municipais”.
Riveira pon como exemplo deste abandono o recinto da depuradora de Roupar de Abaixo onde se aprecia herba alta e maleza que evidencia falta de atención dende fai varios meses, “o que demostra que non é certo que o goberno facía mantemento periódico e se revisaban as depuradoras, tal e como respondían ás nosas preguntas en diferentes plenos dos últimos anos”.
O voceiro preguntou cando foi a última revisión e limpeza dos filtros e por que non hai un programa de mantemento e limpeza das depuradoras “que garanta o seu correcto funcionamento e evite a contaminación das augas dos nosos ríos”.
Pista de Castrorramil
O Grupo Municipal Popular de Xermade tamén esixiu explicacións ao goberno local por deixar sen rexenerar a pista municipal ata o núcleo de Castrorramil, na parroquia de Momán, aproveitando as actuacións na mesma pista, no lugar do Campo.
Os populares reclaman, igual que os veciños, a mellora da pista ata a zona próxima ás casas de Castrorramil e, incluso, ata un punto máis avanzado en dirección á Zaipa debido ao mal estado que presenta a vía. De feito, para os populares “non ten moita lóxica que non se procedera á súa rexeneración, parando os traballos un pouco antes”.
Concretamente, o voceiro preguntou cal foi a razón de facer a mellora ata un punto determinado e non acondicionar toda a pista e para cando ten previsto acondicionar o vial que discorre entre as edificacións de Castrorramil.