O portavoz popular, Óscar Rodríguez, apela á responsabilidade da socialista Loureiro e a súa condición de membro do goberno provincial para conseguir a infraestrutura demandada
Os populares teñen claro que as praias son un dos principais activos da economía de Viveiro. Polo tanto, consideran que todo o que ten que ver coa súa promoción debe ser prioritario para o Concello. E a seguridade vial dos veciños de Viveiro e dos milleiros de visitantes que cada verán acoden á praia de Area é cuestión primordial. Por iso presentaron a moción para que dende a institución municipal se inste á Deputación a construír beirarrúas no acceso á praia, polo menos por unha das beiras da estrada, e ao longo da praia. Aos votos dos populares sumáronse os de Por Viveiro, mentres que os demais partidos se abstiveron.
Rodríguez lembra que en Area hai dous hoteis emblemáticos e dous afamados restaurantes, e que o paso de peóns e constante cada día durante os meses de verán. Asegura: “É necesario dotar de beirarrúas canto antes ao acceso a esta emblemática praia de Viveiro”.