Os populares tamén advirten do mal estado da estrada que comunica co concello veciño de Mondoñedo, a que une Arroxo con Vilanova
Lourenzá, 13 de xuño de 2022. O PP de Lourenzá urxe ao goberno local a arranxar o firme da estrada municipal entre A Tilleira e San Xusto, no municipio veciño de Barreiros, ante o seu mal estado: “xa non hai parte do asfalto por onde pasar sen pisar baches”.
Os populares lamentan que o goberno local “nin sequera teña realizado un bacheo nesta estrada” o que supón “un perigo para os seus usuarios, ademais dunha mala imaxe para o noso concello”.
Os populares advirten do prexuízo que supón o deterioro desta vía para os veciños desta zona da parroquia de Vilanova e tamén para o comercio local; xa que “moitos veciños da zona de San Xusto se desprazaban a Vilanova facer as súas compras porque lles queda máis cerca”.
Dende o PP de Lourenzá advirten tamén do mal estado doutra estrada de titularidade municipal que comunica co concello veciño de Mondoñedo. Trátase da antiga nacional que une Arroxo co núcleo de Vilanova.
Desbroce
Os populares chaman unha vez máis a atención do goberno local pola súa tardanza á hora de comezar os traballos de desbroce das marxes das vías municipais. “A menos de 10 días para que remate a primavera, as beiras das estradas están sen rozar. É curioso que estea sen desbrozar todo o termo municipal excepto a vía que vai á Cazolga, que é de titularidade provincial e que, polo tanto, non lle correspondería ao Concello realizar estes traballos”.