Os populares din que “as contratacións que se están facendo son as que se fixeron sempre aparte do plan de emprego que se elaborou nestes últimos anos”
Castiñeira explica: “O que acabamos de escoitar sobre a contratación de persoal, é fume, totalmente fume, nada que non se fixera outros anos; ao contrario, é moito menos”. Insiste en que “falta un plan de emprego” e sinala: “As contratacións que se están facendo son as que se fixeron sempre aparte do plan de emprego que se elaborou nestes últimos anos. Os seis socorristas que dá a Xunta de Galicia, hai que suplementalos con moitos máis socorristas titulados, porque senón non se van poder subir as bandeiras azuis; seis máis suplementando aos 6 que aporta a Xunta de Galicia aínda son moi poucos. Os auxiliares son os que se facilitaban antes por Protección Civil e que agora son contratados directamente polo Concello e, polo tanto, non aporta ningunha novidade”.
Castiñeira lembra que “os operarios da Risga son os que dá cada ano a Xunta de Galicia a todos os concellos; nada novo, polo tanto, non pode dicir vostede, señor alcalde, que está facendo un plan para abordar este ano”.
Os populares indican que as substitucións de persoal do Concello e da Policía Local é o mínimo que debe facer o alcalde; tamén dotar de máis a xente a Turismo, que, como se fixo sempre, se duplica para ter as oficinas abertas”.
En resumen, Castiñeira di: “Isto, señor Cajoto, é un bluf; non engane a xente. Ademais de todo isto, é necesario un plan de emprego como propón o PP para suplementar a cuadrilla de obras, a de limpeza (o pobo está moi sucio) e para suplementar tamén a xardineiría, que as herbas invaden o concello. Déixese de titulares enganosos, de crear falsas expectativas, faga o plan de emprego que sempre pedía o PSOE cando estaba na oposición e que agora non o fai”.