O firme, de formigón coloreado, desfáise debido a que a execución dos traballos non foi a correcta como consecuencia das interferencias do alcalde, o socialista Fran Cajoto
Foz, 9 de xuño de 2022. Para a xestión pública constitúe un grave problema a confusión de papeis, como ocorre no caso do alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, que, ademais de ser o rexedor, quere ser o capataz das obras. As consecuencias desta confusión vense moi claras no malísimo resultado que deron as obras na Rúa do Porto. O portavoz municipal dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis, dende o grupo municipal do PP temos que denunciar as chapuzas do equipo de goberno de Foz; neste casos das obras do alcalde, do señor Cajoto. O alcalde está empeñado en ser o encargado de obras, segundo nos trasladan dende o propio servizo, e está a facer cousas que non pode facer porque tecnicamente o servizo non ten os medios necesarios”.
Castiñeira declara: “A proba disto é a chapuza que se fixo na pavimentación da Rúa do Porto, en formigón coloreado, pulido, que é unha técnica que precisa de bastante destreza; fíxose mal e quedou moi deficiente. Agora, as gravas e os áridos quedan á vista; a capa de protección desapareceu. Todo isto a menos dun mes de ser estreada. É unha rúa que ten moito uso e vai ter un malísimo envellecemento”.
Os populares din ao alcalde, Fran Cajoto, “que se deixe de xogos e que se dedique a xestionar o concello en xeral e, se quere traballar nas obras, o que lle pedimos é que dinamice as que ten abertas, porque algunhas levan meses paradas, como é a do bar dos xubilados, ou a obra eterna da Rúa dos Limoeiros que leva meses de retraso”.
Javier Castiñeira destaca que “o núcleo urbano de Foz está patas arriba e a xente está enfadada; pedímoslle ao señor Cajoto un pouco máis de organización e de humildade e que deixe facer as cousas a quen sabe facelas; só a súa prepotencia pode levalo a pensar que sabe de todo “.