Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP cualifica de “inoperancia do goberno local” o desmantelamento dunha parte da historia de Burela, a Carmela

O voceiro, Manuel Rouco, condena que “para o goberno local a Carmela non merecía nin un céntimo de inversión municipal” para a súa conservación “como si se fixo en tantos concellos mariñeiros da costa galega”

Burela, 27 de xuño de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, lamenta “a inoperancia do goberno socialista” que puido ter actuado para conservar en Burela a primeira lancha de salvamento marítimo da provincia, a Carmela.

“Hoxe Burela ten un pouco menos de si mesma” pola “irresponsabilidade do goberno do señor Llano que o único que fai é seguir vivindo das súas propias ensoñacións”. Así o manifesta o popular porque “o Concello puido ter adquirido a embarcación por un prezo simbólico e, posteriormente, reubicala noutro emprazamento para conservar parte da historia da nosa vila”.

De feito, “nun dos primeiro plenos do mandato, alá polo 2020, o Grupo Municipal Popular aconselloulle ao goberno do alcalde Llano que a reutilizara e lle dera un bo uso á lancha que estaba a esmorecer na explanada do porto de Burela”.

Os populares propuxeran, por exemplo, reubicala como monumento dunha das rotondas da vila ou nalgún dos seus parques. Pero “como tantas e tantas veces, ao goberno de Alfredo Llano considerou que a Carmela -coñecida por este nome na honra á súa madriña, a condesa de Fenosa- non merecía nin un céntimo de inversión municipal para este menester como si se fixo en tantos concellos mariñeiros da costa galega”.

O voceiro do PP sinala que “isto só é unha mostra máis do que as accións ou, neste caso, a falta de accións do goberno local de Alfredo Llano, están a facer coa nosa vila. Burela, paseniñamente, non deixa de ser desmantelada tal e como lle sucedeu á entrañable Carmela”, conclúe.

Exit mobile version