Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP asegura que “o sistema que usa a Deputación para xestionar as súas residencias, tal como o aplica, é o peor para as traballadoras”

O portavoz popular, Javier Castiñeira, considera que na versión aplicada polo socialista Tomé “hai traballadoras de segunda, como son as contratadas pola empresa, e traballadoras de primeira, que son as da Deputación de Lugo”

Lugo, 7 de xuño de 2022. O presidente da Deputación, José Tomé, presentou días pasados diante do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o modelo social da institución provincial. Un modelo de residencias da terceira idade no que os traballadores teñen que facer fronte a problemas de distinta índole e, como pasou recentemente en Trabada, con risco de ser despedidos por protagonizar reivindicacións. Un modelo no que, no caso de Castroverde, segue sen funcionar o centro de día que debería estar operativo na residencia. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, estivo esta mañá cos voceiros do PP en Trabada, José María Fernández, e en Castroverde, Rubén Otero. Castiñeira sinala que “no PP entendemos que o sistema que usa a Deputación de Lugo para xestionar as residencias, tal como o aplica, é o peor de todos para os traballadores; hai traballadores de segunda, como son as contratadas pola empresa, e traballadoras de primeira, que son os traballadores da Deputación de Lugo”.

O portavoz popular destaca que “estamos a ver que en moitos casos quen sofre os agravios laborais son os traballadores e traballadoras das empresas contratadas”. Castiñeira pregunta “ao señor Tomé se este é o sistema que foi presentar ao señor Sánchez a Madrid, un sistema que discrimina aos traballadores segundo a súa categoría, un sistema no que se protestas bótante fóra e bótanlle a culpa á empresa, pero todos sabemos quen está detrás desta decisión en contra dos traballadores”.

Pola súa, o portavoz popular en Trabada, José María Fernández, sinala: “No Partido Popular de Trabada estamos realmente preocupados polo que está ocorrendo na nosa residencia da terceira idade. Preocúpanos moito porque afecta aos residentes e aos traballadores e traballadoras. E fronte aos problemas, a nosa alcaldesa, a socialista Mayra García (PSOE), escóndese, non dá a cara; a súa obriga é explicar que está pasando, facer fronte aos problemas e solucionalos”.

Engade: “A alcaldesa cualifícase a si mesma como sindicalista, pero vemos que cando unha traballadora da residencia denuncia o que non se está cumprindo nos seus contratos, pois esa traballadora é despedida, con despido que a propia empresa que xestiona a residencia recoñece que é improcedente. Incluso dende altas esferas do Concello se intenta que non se apoie a esa persoa despedida. Hai moito que explicar e hai que solucionalo canto antes”. Fernández lembra que a residencia enmárcase “nun convenio entre a Deputación e o Concello que pagamos todos e todas as trabadenses” e tamén que Mayra García, “ademais de alcaldesa e deputada provincial, polo que ten aínda máis responsabilidade”. O portavoz popular di á rexedora que “non se pode gobernar con dobre cara; por un lado, ir co sorriso aos actos públicos e, por outro, exercer o poder de xeito autoritario, sen admitir crítica algunha”.

A súa vez, o portavoz do PP en Castroverde, Rubén Otero, anuncia que pedirá a comparecencia da concelleira de servizos sociais, María Luisa Freire, no pleno da corporación municipal para que explique que está pasando na prestación do Servizo de Axuda a Domicilio, á vista tanto das queixas das traballadoras como dalgúns usuarios. Igualmente, o mesmo concelleiro popular pedirá explicacións de por que non está operativo o centro de día na Residencia da Terceira idade de Castroverde, un servizo moi necesario nun concello coa poboación moi envellecida como é este.

Exit mobile version