Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afirma que o goberno local é incapaz de buscar unha solución económica e viable para o Hospital Asilo de Ribadeo

“A Xunta ten un compromiso claro co Hospital Asilo de forma que a súa aportación económica vai garantir a súa reforma integral”, asegura Vega

Ribadeo, 1 de xuño 2022. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, apunta que “despois de 20 anos, este goberno do BNG é incapaz de buscar unha solución económica e viable para o Hospital Asilo de Ribadeo. Soben o prezo da praza por residente nun 6,8% mentres que a suba das pensións é de só o 2,5%. Parécenos, polo tanto, unha decisión moi inxusta para moitas familias que están sufrindo a crise pola suba xeneralizada dos prezos”.

O popular condena que “escolleron subir esta taxa, pero non concretar unha solución razoable e definitiva que garantice o futuro do Hospital Asilo. O BNG non nos fixo caso e aprobaron, eles sós, unha subida do 6,8% da taxa fronte á oposición que lles estaba dicindo que tomen outro tipo de decisións”.

O Grupo Municipal Popular reclama, por activa e por pasiva, a reforma integral do Hospital Asilo. E, dende practicamente o inicio do mandato, piden que “se constitúa unha comisión integrada por técnicos e representantes das distintas formacións políticas, traballando todos como corporación. Creo que é o razoable”, manifesta Vega. Ademais, explica que “a Xunta ten un compromiso claro co Hospital Asilo e, polo tanto, a súa aportación económica vai garantir a súa reforma integral”.

Vega asegura que “seguen chegando aos pleno facturas sen pagar. Isto acredita que non estabamos mentindo. O tempo dános a razón: o goberno local do BNG é o que máis tarde paga de toda A Mariña”. Ante este problema, “o goberno do BNG non da a cara”. É máis, esta situación xera problemas cos funcionarios porque “este goberno os trata con moito desprezo dende un ego desmedido”.

O BNG rexeita todas as propostas do Grupo Municipal Popular
Os populares pediron tamén reforzar en momentos puntuais, coma agora na primavera que é cando máis medra a herba, os traballos de limpeza das áreas recreativas e xardíns e o desbroce das marxes das estradas municipais cun incremento do presuposto para estas tarefas. “Pódese contratar unha empresa de reforzo en momentos puntuais, como fan outros concellos”, apunta Vega.

A vicevoceira Elena Sierra pediu explicacións sobre a abrupta tala no paseo do Cargadoiro e esixiu solucións aos problemas do auditorio no que hai graffitis. A popular propuxo pintar o exterior, substituír os cristais rotos e instalar cámaras de seguridade, pero o goberno do BNG negouse a poñer en marcha estas medidas.

A concelleira Begoña Sanjurjo instou ao goberno local a que “volva abrir a Oficina do Peregrino, anunciada polo goberno do BNG a bombo e platillo e que só durou 2 meses aberta. Estamos en pleno Ano Xacobeo, pero o goberno local di que non fai falta”.

En resumo, Vega explica que “o goberno local do BNG non quere dar solución a problemas de Ribadeo e responde insultando e faltando ao respecto ao Grupo Municipal Popular e ao seu portavoz”. Pero, aínda así, “seguiremos traballando, fiscalizando a este goberno como é a nosa misión como oposición e tamén servindo a Ribadeo fronte a este goberno esgotado”.

Exit mobile version