O deputado José Manuel Balseiro avogou por ampliar as zonas autorizadas “sempre de forma segura e sen entorpecer o traballo dos profesionais do mar”
Santiago, 7 de xuño de 2022.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a incrementar o número de concellos que colaboran con Portos de Galicia no control da práctica da pesca recreativa nos peiraos dos seus municipios, velando pola seguridade de todos os usuarios e polo desenvolvemento normal da actividade portuaria.
O deputado popular José Manuel Balseiro lembrou que “o pasado verán o Partido Popular e a Xunta de Galicia lideraron unha reforma da normativa para autorizar a pesca recreativa e de lecer nos portos de titularidade autonómica”. “Era unha demanda que nos trasladaban moitos afeccionados, porque coa lexislación vixente ata ese momento pescar nos portos estaba prohibido e podían ser sancionados”, dixo.
29 NOVOS PORTOS
Deste xeito, ao longo do último ano a Xunta estivo facendo un seguimento desta práctica, da súa convivencia cos traballos pesqueiros profesionais e estudando as peticións que recibían de asociacións e usuarios para ampliar as zonas autorizadas para a pesca recreativa. “Sempre de forma segura e sen entorpecer o traballo dos profesionais do mar”, asegurou.
Balseiro afirmou que “a Xunta está disposta a ampliar espazos e horarios para a pesca recreativa en 29 portos, en catro deles de xeito inmediato e nos 25 restantes condicionada á colaboración dos concellos para o auxilio e control desta actividade”.
“Este apoio dos concellos non é unha novidade, dado que xa colaboran coa Xunta cando se realizan eventos deportivos ou festivos e actividades de ocio nas zonas portuarias, e nas que moitos concellos asumen non só o control e vixianza, senón tamén a propia organización destes eventos”, explicou.