Patricia Otero lamenta o retraso na súa tramitación e insta ao goberno galego a que o documento saia dun proceso real de debate, negociación e acordo cos representantes dos traballadores
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022. A deputada socialista Patricia Otero urxiu hoxe á Xunta de Galicia a que “dunha vez saque adiante” a relación de postos de traballo (RPT) do ente público Portos de Galicia. Así o reclamou a través dunha proposición non de lei na que tamén incidiu na necesidade de que esa RPT saia dun proceso real de debate, negociación e acordo cos representantes dos traballadores. A iniciativa socialista foi aprobada co voto a favor de todos os grupos parlamentarios.
A iniciativa presentouse despois de que en xaneiro do ano pasado o Partido Popular asegurase que este documento se estaba a ultimar tras consultas e debate cos representantes dos traballadores e que sería unha realidade no primeiro semestre de 2021. Posteriormente, no mes de xuño, reiterouse que era “inminente” e unha “prioridade”.
Porén, 17 meses despois do primeiro anuncio “nada se sabe da RPT”, que é “un instrumento organizativo fundamental”. Para Patricia Otero isto supón un exemplo máis da “escasa ou nula planificación en materia de persoal de Portos de Galicia”. “Como todas as súas prioridades leven ao mesmo porto, imos bastante mal”, concluíu a deputada socialista tras reclamarlle ao goberno galego que “poña toda a carne no asador”.
Ademais, ante ás declaracións realizadas neste tempo polo PP e a Xunta, Patricia Otero desmentiu que o proceso conte co necesario consenso ou negociación. “O que nos atopamos”, subliñou, “ é unha imposición da Xunta fronte as reivindicacións dos traballadores”. Tamén puxo en dúbida que se vaian crear 2 novas prazas nos peiraos de Celeiro ou de Burela, xa que “o que nos chega é que se vai rebaixar o persoal ou mesmo eliminar algún posto”.
Neste contexto, Patricia Otero incidiu na necesidade de “non se deixe nun caixón” a RPT e de que se lle dea un impulso. “Trátase dunha competencia da Xunta”, subliñou, así que “non poden botar balóns fóra nin culpar ao goberno central ou aos concellos de que aínda non estea en vigor como adoitan facer”.
Nesta liña, Patricia Otero lamentou que a Consellería do Mar ou o ente Portos de Galicia se dediquen “a crear confrontación” no canto de resolver problemas que, en moitos casos, están creados pola propia Xunta. Aludiu así aos conflitos entre bateeiros e percebeiros en Arousa ou entre mariscadoras a pé e a frote en Rianxo, nos que “a Xunta mira cara a outro lado e non quere facer nada”.
Tamén se referiu ao “problema tremendo” creado pola consellería no eido da pesca recreativa e ante o cal se lle queren botar as culpas e endosarlle competencias que non son propias aos concellos. Fronte a esta actitude “incrible”, Patricia Otero demandoulle ao goberno galego que “exerza as súas competencias”.