O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que estes orzamentos non son nin de lonxe os que necesita Viveiro para incorporarse ao proceso de recuperación económica
O portavoz municipal dos populares destaca: “Viveiro leva perdidos moitos anos e, á vista do proxecto orzamentario para este exercizo, o 2022 non vai ser unha excepción, lamentablemente. Digo isto porque, un ano máis, queda en evidencia a falta de proxecto de Loureiro e do seu equipo para Viveiro, tanto para a zona urbana como para o rural; hai falta de ambición e falta de proxectos innovadores. Faltan ideas e falta empuxe. Todo isto queda claro na primeira ollada que botamos a estas contas”.
Os populares din que “unha vez máis o goberno local, tan prepotente como mal xestor, non deu opción á oposición a presentar iniciativas e debatelas en comisión ou en xunta de voceiros”. Engade: “Penso que teñen medo a que os deixemos en evidencia”.
Rodríguez di que a falta de ambición da alcaldesa queda de relevo no capítulo VI, o de investimentos reais. “Se sacamos a aportación da Deputación pola vía do Plan Único, non queda nada, pero nada de nada”. Isto é así, sinala Rodríguez, porque “non teñen ideais nin gañas de traballar”.
No grupo do PP lamentan que a ineficacia na xestión do goberno municipal faga necesario que, un ano máis, nas grandes contas de Viveiro teña que figurar unha partida para o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aínda sen acabar. Rodríguez sinala: “E así seguimos, sen PXOM e coa construción paralizada; o dano á economía de Viveiro é inmenso. Botamos de menos tamén unha iniciativa para actualizar o plan especial do casco histórico, para comprobar que é o que funciona e que non deu resultado e ver que hai que tratar de modificar.
O portavoz municipal resume: “Nesta primeira ollada ao orzamento, só podo dicir que chega tarde e mal, que reflicte falta de proxecto para o concello, déficit de xestión e unha parálise que Viveiro non se pode permitir”.