Patricia Otero acusa ao goberno galego de intentar tapar as vergoñas do seu propio plan de transportes con críticas á proposta estatal, que aínda é un documento aberto
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022. A deputada socialista Patricia Otero instou hoxe á Xunta de Galicia a deixar de emitir bulos e pediulle que se poña a traballar en colaboración co goberno central para complementar e intentar mellorar o Plan de transporte estatal.
Fíxoo no pleno do Parlamento, onde lamentou que, no canto de facer achegas, a conselleira de Infraestruturas se dedique a “terxiversar” ese documento para intentar “tapar as súas vergoñas” polas numerosas deficiencias do propio plan de transporte galego.
Así, fronte ás críticas do PP e do goberno galego a esta iniciativa, a parlamentaria do PSdeG lembrou que o plan estatal é aínda “un borrador aberto e inicial sobre o que se pode traballar”. Polo tanto, “teñen a oportunidade de facer as achegas que consideren para intentar melloralo”, o que ademais serviría para que a Xunta practique o que tantas veces recomenda: “a lealdade institucional”.
Con todo, a parlamentaria do PSdeG instou ao goberno galego a completar e harmonizar os servizos da Xunta cos do Estado e se aseguren de que funcionen os nodos dende as principais localidades cara outras comunidades autónomas e o transporte dende as zonas do rural cara as cidades para posteriormente enlazar despois con outros territorios fóra da nosa comunidade. Desa maneira, garantirase que se recollan as peculiaridades de Galicia canto a dispersión territorial e poboacional.
“Fágano máis efectivo para as galegas e galegos”, instou Patricia Otero, quen ao tempo demandou que a Xunta actúe e mellore tamén o plan de transportes autonómico para adecualo ás necesidades de mobilidade da cidadanía. Ao respecto disto, lembrou que a Xunta segue a negar o problema que teñen malia as numerosas queixas de usuarios e concellos polo deficiente servizo de transportes autonómico.
Nesta liña recordou atrasos, suspensións de servizos, falta de información de horarios ou prazas, anuncios de mellora incumpridos, falta de puntualidade ou nenos e nenas que chegan trade ao colexio, cando non quedan directamente tirados na parada porque o bus non aparece.
Neste escenario, Patricia Otero reclamoulle á Xunta que escoite as queixas, reformule os pregos de contratación para adecualas ás necesidades de mobilidade da xente e non abdiquen das responsabilidades de inspección e control e, de ser o caso, de sancionar os incumprimentos.