O portavoz popular destaca que a empresa que xestiona a residencia de Trabada recoñece na carta que enviou á traballadora que é un despido improcedente
O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Acabamos de coñecer unha mostra máis do sectarismo autoritario do goberno da Deputación de Lugo. Neste caso, é nun asunto laboral; lamentablemente, xa son moitos. Está pasando no consorcio de bombeiros que preside o señor Tomé e tamén nalgunhas das residencias da terceira idade da Deputación. Así o fixeron público no seu día as traballadoras da residencia de Trabada e precisamente é nesa residencia onde acabamos de ver o último caso que nos parece absolutamente lamentable, que é o despido dunha traballadora dese grupo de empregados que denunciou os atropelos laborais que están a suceder en Trabada”.
Castiñeira explica: “A traballadora despedida encontrouse nos días seguintes a efectuar a denuncia cunha carta na que lle comunican o despido. Sorprendentemente, a propia empresa contratada pola Deputación de Lugo recoñece que é un despido improcedente. Estas son as formas dun presidente que en algún momento dixo ser sindicalista; non sabemos como era como sindicalista, pero, dende logo, como patrón defende moi pouco os dereitos dos traballadores. Xa o vimos sendo contrario ao traballo telemático e nos procesos selectivos nos que claramente se mira polo amiguismo. Este é o Partido Socialista, este é o señor Tomé que pasou de sindicalista a patrón autoritario e iso non está sendo bo para os traballadores da Deputación e non é bo para a provincia”.
Os populares reclaman “que se reincorpore canto antes a esta traballadora ao seu posto e, sobre todo, que se atenda as reclamacións das empregadas da residencias, en concreto da de Trabada, que demandan mellores condicións laborais e que se cumpra o establecido no seu momento”.