Traballaron as relacións baseadas no bo trato e a mellora da convivencia a través de xogos cooperativos e dinámicas corporais
Burela, 13 de xuño de 2022. As rapazas e rapaces do Grupo de Participación Adolescente de Burela veñen de realizar obradoiros nos centros de Educación Primaria do municipio para fomentar o bo trato e a mellora da convivencia entre o alumnado.
Varias compoñentes deste grupo de participación deseñaron unha serie de actividades dirixidas ás nenas e nenos de primeiro e segundo de primaria e puxéronas en práctica no Ceip Virxe do Carme e Ceip Vista Alegre.
Os obradoiros, dunha hora de duración para cada aula, consistiron nunha serie de xogos cooperativos e dinámicas corporais e de movemento para sentar as bases das relacións sanas e sustentadas no bo trato, así como a mellora da convivencia entre os alumnos e alumnas para previr situacións de discriminación entre eles ou outro tipo de condutas dañinas que poden derivar en problemas para o libre desenvolvemento dos pequenos e pequenas.
A motivación principal dos membros do grupo de participación foi a de achegarse a cursos de nivel inferior, polos que eles e elas tamén pasaron, e tratar de dar ferramentas ao alumnado para unha boa convivencia nas horas lectivas e tamén na súa vida cotiá, tratando de integrar todas as realidades e axudarlles a verse a si mesmos como un equipo, no que todos suman e aportan con capacidades e visións distintas, pero todas enriquecedoras.
As rapazas e rapaces que impartiron estes obradoiros acudiron aos centros acompañados por Noelia Legaspi, Educadora Familiar do Concello, e Concepción Pernas, Técnica do Programa de Atención a Inmigrantes.