Concertos de pequeno formato polas parroquias, actividades divulgativas e espectáculos interdisciplinarios conflúen no evento
Lugo, 15 de xuño de 2022. Esta tarde presentouse na Praza de San Marcos de Lugo o Festival MindoMúsica que se celebrará do 3 ao 10 de xullo en distintos emprazamentos do concello de Mondoñedo, desde a Catedral ata as parroquias do rural, achegando a música a todos os públicos con concertos en pequeno formato, actividades divulgativas e espectáculos interdisciplinarios.
A coordinadora do festival e violinista Rebeca Maseda explicou que unhas das novidades e apostas desta cuarta edición é “a incorporación ao festival doutras artes, con espectáculos nos que a música dialogará con outras disciplinas como a danza, a performance ou a videocreación”, afondando no obxectivo do festival de propoñer unha oferta cultural de calidade no rural.
O programa arrancará o domingo 3 de xullo co Parroquias Tour, con concertos da formación EnClave Poético -César Morán á guitarra e Rebeca Maseda ao violín- en varias parroquias do municipio ao longo do día. Serán concertos de pequeno formato, a xeito de encontros coa veciñanza, nos que os músicos interpretarán e explicarán o repertorio, con poemas de autores e autoras galegas musicados por César Morán.
Esa mesma filosofía inspira os concertos que se celebarán o luns 4 na Residencia e Centro de Día de Mondoñedo e no Centro Asistencial San Paulo e San Lázaro, nos que “a música ao vivo vai ao encontro das persoas”.
O mércores 6 organizarase un taller divulgativo sobre instrumentos e música antiga para alumnado e Anpa da Escola Municipal de Música O Pallarego, (20.00 horas), a cargo da formación El Afecto Ilustrado.
O xoves 7 na Casa dos Coengos, no complexo catedralicio, desenvolverase unha palestra sobre os arquivos musicais catedralicios no que participarán destacados musicólogos e historiadores, como Miguel Ángel Marín, Carlos Villanueva, profesor da USC e responsable da catalogación do arquivo musical da Catedral mindoniense, Monteserrat Capelán, profesora do departamento de Historia da Música da USC que está a preparar un doutoramento sobre archivos de música en Caracas (Venezuela) e Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano da Facultade de Humanidades e Lugo e grande coñecer do arquivo histórico de Mondoñedo.
De venres a domingo, celebranse os concertos de maior formato, espectáculos interdisciplinarios nos que confluirán diferentes manifestacións artísticas. O venres 8 actuará o grupo de cámara El Afecto Ilustrado, integrado por pofesionais que despuntan no panorama estatal e internacional e especializado na interpretación historicamente informada do repertorio comprendido entre os séculos XVII e XIX, dunha forma próxima e tanxible. (Catedral de Mondoñedo, 20.30 horas)
O sábado 9 será a quenda para o espectáculo Clorindae, no que compartirán escenario as pianistas Rosalía Gómez Lasheras e Sinforosa Petralia e a bailarina Patrizia Lo Sciuto. (Auditorio Municipal Pascual Veiga, 20.30 horas) A proposta, que ven de estrearse nas Xornadas de Música Contemporánea de Compostela, inspírase nunha personaxe do poema épico de Torquato Tasso, símbolo da resiliencia feminina. A súa referencia serve ás autora para retratar, a través da música e da expresión corporal, a loita das mulleres na sociedade actual.
O Festival Mindomúsica pecharase o domingo 10 coa actuación do quintento de vento Zoar Ensemble, co concerto “Paisaxes de Iberia” no que interpretarán adaptacións para vento do “Don Quixote” de Xesús Bal y Gay e da suite Iberia de Isaac Albéniz. (Auditorio Municipal Pascual Veiga, 12.30 horas). O concerto incorporará, mediante medios audiovisuais, imaxes sobre os lugares que evocan as músicas.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, que acompañou a presentación do Festival, felicitou á organización do Festival e sinalou a singularidade do evento que “achega a música a todo tipo de públicos, levando a entornos rurais propostas culturais máis habituais de entornos urbanos”.