Viveiro, 4 de xuño de 2022. O Concello de Viveiro pon en marcha un novo programa de promoción turística co obxectivo de dar a coñecer os espazos paisaxísticos, rutas, paseos e lugares máis destacados do municipio.
Baixo o nome ‘Descubre Viveiro’ ofrecerase a veciños e visitantes información sobre paseos e rutas de sendeirismo, así como gran cantidade de material gráfico e audiovisual sobre distintos puntos de interese.
“É un antes e un despois na promoción de Viveiro, un proxecto moi ambicioso e adaptado ás novas tecnoloxías para dar a coñecer o noso concello, un lugar con todos os servizos necesarios para vivir todo ano nunha contorna natural privilexiada”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
De forma progresiva iranse dando a coñecer rutas e paseos virtuais, así como vídeos de zonas urbanas e de espazos naturais; ademais deste material, para cada unha da rutas ou paseos incluíranse folletos, trípticos, tracks do percorrido, etcétera.
“Quero agradecer o traballo da concelleira de Turismo, Marisol Rey, e destacar o elevado interese dos touroperadores de toda Europa por Viveiro, algo que vemos en todas as feiras nas que estamos; de aí naceu ‘Descubre Viveiro’”, engade a alcaldesa.
O que se pretende con esta iniciativa é dar a coñecer e promover os recursos turísticos do Concello de Viveiro, ofrecendo ao visitante a posibilidade de obter a través das redes sociais toda a información necesaria e, incluso, visualizar previamente o percorrido das distintas rutas e paseos que se propoñen.
Para isto, creáronse perfís de “Descubre Viveiro” en Instagram, TikTok, Youtube e Wikiloc; ademais de difundir todo o material desta campaña, tamén, a través do Facebook de Viveiro Turismo.
Coa difusión desta iniciativa a través destas cinco plataformas preténdese chegar a perfís de usuarios diferentes, destacando neste sentido que todas elas estarán conectadas mediante enlaces que permitirán acceder á restante información que se ofreza a través de cada unha delas.
“Temos que adaptar a nosa oferta ás demandas dun novo viaxeiro que se informa a través das redes sociais e comparte despois a través delas a súa experiencia”, sostén Marisol Rey.
Con esta campaña, que arranca no mes de xuño e que continuará desenvolvéndose ao longo dos vindeiros meses, quíxose aunar baixo un mesmo selo ‘Descubre Viveiro’, unha gran cantidade de información turística, especialmente a través de rutas e paseos, co valor engadido de poder consultar ao mesmo tempo folletos ou visualizar vídeos sobre o percorrido.
Os trípticos informativos, ademais da súa consulta online, estarán a disposición dos usuarios en formato físico na Oficina de Turismo. O concello contou para esta iniciativa coa colaboración da empresa ‘El Estudio Comunicación’, unha firma local que ten o valor engadido de coñecer as ubicacións.
Dende o Concello de Viveiro quérese destacar a posta en marcha desta nova iniciativa turística, que xorde coa pretensión de promover espazos de grande valor paisaxístico, utilizando as vantaxes e recursos que ofrecen as redes sociais para contribuír na difusión e promoción deste tipo de recursos.