Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo elabora un proxecto para actuar en nove escolas e en dous teleclubes cun investimentos que ascenderá a 178.000€

Ribadeo, 15 de xuño de 2022. O Concello elaborou un proxecto para actuar en nove escolas e en dous teleclubes. O investimento ascenderá a 178.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que lle fará chegar este proxecto á Deputación de Lugo para asinar un convenio extraordinario de colaboración e así poder sufragar esa importante inversión.

O rexedor dixo que “neste equilibrio que sempre quixemos e sempre imos manter entre a vila a as parroquias, queremos dar un novo paso de impulso a todas as infraestruturas das parroquias, singularmente das escolas e teleclubes, na liña do que estivemos facendo nestes últimos anos modernizándoas, xa que moitas das súas estruturas estaban demasiado vellas. Nestes últimos tempos estivemos actuando nelas dunha maneira máis ou menos intensa en Cedofeita, en Covelas, en Ove, en Rinlo e en Arante, que acabamos de rematar agora tamén”.

Suárez Barcia subliñou: “pero queremos dar un paso máis con practicamente o resto de todas as que quedan nas diferentes parroquias da vila e do campo, fundamentalmente nas escolas e tamén nalgúns teleclubs. De aí que, despois de escoitar ás diferentes asociacións de veciños, quixemos facer un proxecto moi ambicioso que realizaron os técnicos municipais nestas últimas semanas, que queremos presentar agora á Deputación de Lugo para conseguir un convenio extraordinario de colaboración para sufragar unha parte moi importante destes 178.000 euros que, segundo o proxecto, vai custar modernizar e amañar a escola de Couxela, de Noceda, de Piñeira, de Piñeiro, de Remourelle, de Vilaosende, de Vilaselán, de Vilela, de Vilaframil e tamén os teleclubes de Vilamariz e de Vilaosende”.

O alcalde sinalou que “para poder seguir dando servizos e poder seguir ofrecendo actividades temos que ter lugares onde sexa agradable estar. Nalgúns casos hai que mellorar as carpinterías de exteriores, noutros hai que pintar as fachadas, noutros hai que amañar por dentro e por fora, noutros hai que eliminar as goteiras, noutros temos que meter mobiliario e nalgúns temos que meter todo isto. Entón, desde o goberno municipal integrado e ao mesmo tempo traballando coa Deputación Provincial, con este organismo que tanto nos axuda e tanto nos axudou, queremos dar un impulso definitivo para que a volta duns meses sexa unha marabilla poder estar e poder seguir facendo actuacións sociais, culturais, deportivas, etc…, en todas estas infraestruturas municipais”.

Exit mobile version