Ribadeo, 17 de xuño de 2022. Con motivo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica ( ELA), que se celebra o 21 de xuño, o Concello de Ribadeo súmase á causa #LuzporlaELA. Para iso, vai iluminar de cor verde a Casa Consistorial.
A iniciativa lévaa a cabo da man de AGAELA (Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica), que conta con máis de catrocentos asociados que sofren as consecuencias desta patoloxía. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, subliña que “deste xeito, o Concello de Ribadeo mostra o seu apoio e solidariedade coas persoas afectadas pola ELA, contribuíndo a visibilizar a enfermidade e concienciar á sociedade sobre as dificultades que conleva esta doenza tan pouco coñecida”.
A esclerose múltiple é unha das enfermidades máis duras ás que pode enfrontarse unha persoa e unha familia que provoca un proceso dexenerativo e incapacitante en quen a padece que se caracteriza por unha atrofia progresiva dos músculos do corpo. A ELA afecta aproximadamente a 4.000 persoas en España.
Desde 1997 cada 21 de xuño celébrase no mundo o Día contra a Esclerose Lateral Amiotrófica e “o Concello quixo sumarse a esta iniciativa de iluminar da cor da esperanza que simboliza a enfermidade, o verde, para continuar involucrando ás institucións, entidades e á cidadanía no apoio ás persoas que a padecen para procurar unha atención socio sanitaria de calidade a todas as afectadas e afectados pola ELA e fomentando novas liñas de investigación que atopen as causas, os tratamento e finalmente a cura da enfermidade”, engade a edil ribadense.
Os municipios que se suman a esta xornada mundial poderanse seguir na web https:// luzporlaela.es/ e nas redes sociais, coas imaxes dos espazos iluminados de verde facendo patente o seu apoio.