Foz, 4 de xuño de 2022. O Concello de Foz procedeu á rexeneración e posta en valor da fonte de Cabanas-A Barrosa, en Nois, un manantial natural moi empregado polas veciñas e veciños da zona.
O alcalde, Fran Cajoto, explica: “avisados polos veciños puidemos comprobar que a fonte deixara de surtir auga. Ao non ser posible a reparación da tubaxe existente procedemos ao tendido dunha nova canalización de polietileno desde a captación, situada a 120 metros aproximadamente da fonte. Unha reparación que se demorou ata obter a autorización preceptiva de Augas de Galicia, xa que era preciso para facer os traballos de rexeneración cruzar o Rego Nois coa nova tubaxe”.
A actuación completa consistiu na reparación do depósito de captación, disposición de 120 metros de tubaxe de polietileno desde a captación á fonte, pavimentación do camiño de acceso á fonte en formigón de cor verde, colocación dunha nova varanda de protección de madeira, pintado e adecentamento da propia fonte e a colocación dun novo banco.
“Gustaríanos que os traballos non se retrasaran tanto, pero o resultado é unha fonte renovada que debemos coidar entre todos”, indica o alcalde, quen destaca que toda a actuación se realizou con persoal propio do Concello. Esta é a segunda actuación do Plan de Conservación de Fontes Naturais despois do adecentamento e posta en valor da fonte de Ribela, en Cangas.