Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela inviste 355.757 euros na rehabilitación de 10 vías do municipio

As actuacións renovarán un total de 2,5 quilómetros lineais de estradas, mellorando substancialmente moitas das zonas do casco urbano xa deterioradas

Burela, 16 de xuño de 2022. O Concello de Burela informa, a través da súa delegación de Urbanismo, de que o luns comezarán as obras do proxecto de rehabilitación de firmes que se porá en marcha cun investimento de 355.757 euros para rehabilitar 10 vías do municipio, un total de 2,5 quilómetros lineais de estrada no casco urbano.

A necesidade de rehabilitación estrutural destes espazos fai que se reparen os firmes da calzada de varias rúas con asfaltado en quente para mellorar a súa seguridade e durabilidade, así como que se renove toda a sinalización horizontal e se proceda ao pintado.

As obras, financiadas na súa totalidade con fondos municipais, permitirán rehabilitar a rúa Rosalía de Castro, entre a rúa Lamestra e a Avenida da Mariña; a Avenida da Mariña no acceso ao cemiterio e entre a travesía dos Castros e a rúa Pardo Bazán; o cruce da travesía dos Castros, a rúa dos Castros e a rúa dos Colexios; a rúa Vilar entre Avenida Pomeda e a fonte pública; a rúa da Igrexa entre Avenida Arcadio Pardiñas, rúa do Cancelo e rúa Fontela; a travesía do Río; a rúa Vilastrofe; rúa Pascual Veiga; e rúa Amoreiras.

O edil de Urbanismo, Ramiro Fernández, confirmou que está previsto “comezar as obras este luns, iniciando os traballos na zona do Vilar e ao día seguinte en Vilastrofe por ser puntos onde non se vai xerar tanto problema co tráfico”, explicou en alusión aos cortes de rúas para levar a cabo o asfaltado. “Será probablemente o mércores cando se empece na rúa Rosalía de Castro, polo que pedimos comprensión á cidadanía xa que non se poderá estacionar nin circular por esta vía”.

Se as condicións climatolóxicas o permiten, esta é a previsión que marcan desde o goberno local, que aseguran manterán informados en todo momento aos veciños dos cambios na circulación e restricións de aparcamento, “que como moito poden durar en cada zona dous ou tres días, dependendo dos metros que se renoven”.

Esta actuación estrutural que conta cunha grande inversión por parte do executivo municipal pretende conservar as características funcionais das zonas, como a seguridade ou a comodidade na circulación, así como mellorar a protección do conxunto do firme cunha capa duns 5 centímetros de espesor, aumentando a durabilidade, impermeabilidade ou a unidade no aspecto, entre outros. Nesta liña, realizaranse as reposicións das tapas das arquetas que tiveran variado a súa cota respecto ao vial, e renovarase a sinalización horizontal das vías.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, puxo de manifesto que esta actuación ”mellorará con creces a usabilidade e o aspecto en moitos puntos de Burela, unha aposta deste goberno por mellorar a circulación e o tráfico dos vehículos, e en definitiva, mellorar a vida das persoas”. Así, tamén pediu “a colaboración veciñal e a comprensión de todos, pedindo desculpas de antemán polas molestias que poden xerar as obras”, pero salientando que son “necesarias”.

Exit mobile version