Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela celebrará o Día do Neno o domingo 3 de xullo con xogos e inchables para todas as idades

Recuperarase deste xeito un día de actividades dirixido ao público infantil, que acostumaba facerse durante as festas patronais, trasladando esta data ao verán

Burela, 15 de xuño de 2022. A Delegación de Cultura do Concello de Burela anuncia que celebrará o Día do Neno o próximo domingo 3 de xullo despois de dous anos sen poder realizarse. Nesta ocasión, non será no marco das festas patronais senón que a data trasládase ao inicio do verán.

Habilitaranse distintos xogos, inchables e obradoiros na praza da Mariña e na praza do Concello para goce do público infantil, ao que a área de Cultura quixo dar o seu espazo celebrando este día dirixido aos máis pequenos e pequenas das familias de Burela.

Segundo afirmou o edil de Cultura, Jose Díaz, “retomamos este día porque sabemos que durante as festas patronais non se puido facer, houbo que priorizar e por cuestións orzamentarias quedou pendente, polo que desde o concello ofreceremos o Día do Neno igualmente, nesta ocasión no primeiro domingo de xullo”. Díaz amosou o seu apoio á Comisión das Festas, “catro mulleres ás que felicitamos por todo o traballo que fixeron, por sobrepoñerse e superar todos os contratempos e por sacar adiante as festas cunha xestión que permitiu a miles de persoas gozar das patronais despois do parón tras a pandemia”.

Agora, co obxectivo de manter esta cita xa instaurada desde hai moitos anos, colocaranse en horario de mañá, de dez a dúas, os elementos de xogo, separando por idades. Así, na praza da Mariña concentraranse os inchables e obradoiros para nenas e nenos máis pequenos, e na praza do Concello para idades máis avanzadas. Jose Díaz convidou a todos os veciños a participar e desfrutar deste día, que acostuma ter unha moi boa acollida no municipio.

Exit mobile version