Ribadeo, 14 de xuño de 2022. Hoxe cúmprense tres anos da apertura do centro de atención a persoas maiores de Ribadeo. Ata a residencia se desprazaron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, e o traballador social José Luis Gegunde, para compartir esta data coas usuarias e usuarios destas instalacións, que os deleitaron coa habanera Casiñas Brancas, e despois todos compartiron un aperitivo no xardín. Un dos residentes foi o encargado de facer as brasas e preparar o churrasco.
O rexedor dixo que “desde o goberno municipal sentimos un enorme orgullo e unha enorme ledicia e satisfacción de ver que hoxe se cumpren tres anos da apertura desta residencia, de que este centro de atención ás persoas maiores abrise as dúas portas ás xentes de aquí e de acolá, especialmente para as veciñas e os veciños de Ribadeo, pero tamén acollemos a outros veciños da comarca”.
Suárez Barcia subliñou que “se ve que se irradia alegría e felicidade e que están funcionando como unha familia que son, teñen a súa familia fora de aquí destas portas, pero eles aquí son unha gran familia. Estas 47 prazas de homes e mulleres, que están atendidas por 29 profesionais, que é un ratio altísimo, e que fan desta residencia un dos mellores modelos que para nosoutros como goberno municipal de Ribadeo loitamos moito, igual que con toda a cidadanía no seu momento, para conseguir esta residencia, que funciona moi ben e que sexa un exemplo a onde debemos tender as administracións, como é a Deputación de Lugo e o Concello, a colaborar, a cooperar para facer cousas tan bonitas e tan importantes para a cidadanía como é este centro de atención ás persoas maiores de Ribadeo”.
O alcalde engadiu: “si teño que dicir algunhas das cousas ao longo do meu mandato aquí en Ribadeo esta é unha das que estou especialmente máis orgulloso”.