“Por que empresas públicas como Enel ou Estatktaft poden facer parques eólicos en Galiza e Galiza non pode ter unha empresa pública que promova proxectos enerxéticos renovables?”, cuestiona Luís Bará no Parlamento
“Por que unha empresa pública como a italiana Enel pode facer parques eólicos en Galiza ou como a norueguesa Estatktaft pode facer parques eólicos en Galiza e nós non podemos ter unha empresa pública que promova proxectos enerxéticos renovables en Galiza? Explíquenme por que”, cuestionou Bará á bancada do PP, para engadir a continuación a necesidade de implantar un modelo “conservacionista do medio, da biodiversidade, que é o instrumento que temos contra o cambio climático”.
Neste sentido, defendeu a elaboración dun novo plan sectorial para o desenvolvemento ordenado e xusto do sector, revisando con criterios restritivos a zonificación actual -garantindo a conservación do patrimonio natural e cultural- e asegurando a compatibilidade con actividades e usos propios do rural e o retorno económico a Galiza dos beneficios xerados polos parques eólicos.
Logo de reclamar tamén a ampliación da Rede Natura para asegurar a blindaxe de zonas de alto valor ambiental, o deputado nacionalista avogou de igual xeito pola socialización e a democratización do acceso á enerxía e, nesta liña, propuxo, tal e como xa acontece en moitos países europeos, o desenvolvemento dun Plan de fomento da participación das entidades locais, PEMES e cooperativas en proxectos de produción e consumo. “No ano 2020 había xa en Alemaña 1.750 comunidades enerxéticas; en Dinamarca 700, nos Países Baixos, 400 e en Galiza, a día de hoxe e aínda en proceso de constitución, tres”, exemplificou, para engadir a continuación que a razón radica en que o PP “non cre nese modelo”.
“Pero nós si, por iso propoñemos nesta iniciativa a creación de 40 comunidades enerxéticas nas comarcas do País para que sirvan de espello cara á expansión desta produción propia de enerxía para o autoconsumo”, explicou, logo de defender que o novo modelo sexa xusto tamén para o rural “porque o actual “é contra o rural, co que definiu como unha “invasión de terras produtivas e residenciais na que supón unha xigantesca agresión ao modo e á calidade de vida no rural”.
Bará concluíu reafirmando o compromiso do BNG cun modelo de desenvolvemento eólico xusto, sustentable, descentralizado, de participación pública e que xere beneficios para o País, para as PEMES, para os fogares e para a maioría social. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.