Desde 2014 que está María Loureiro na alcaldía do Concello, non se moveu ficha pola promoción de rutas de sendeirismo, foi desde que Míriam Bermúdez entrou como concelleira cando se comezou a falar desta reivindicación veciñal, para a cal o BNG presentou unha moción para a sinalización e promoción dos roteiros de sendeirismo no concello de Viveiro, no ano 2020, que solicitaba crear un apartado na páxina web do concello con rutas, xunto coa sinalización e mantemento das mesmas. A moción aprobouse por unanimidade, mais seguiron pasando os meses sen ningún tipo de avance, facendo caso omiso aos acordos acadados democráticamente.
Dous anos despois de aprobarse a moción do BNG, Loureiro permaneceu sen feitos, polo que o BNG continuando coa súa reivindicación puxo en marcha a web “Viveiro en ruta”. “Unha web que foi de éxito rotundo”, destacou Míriam Bermúdez, “cunha soa concelleira e na oposición, puxemos en marcha unha web onde atopar rutas ordenadas por distancia, con arquivos descargables, fotos das rutas, mapas interactivos e incluso perfís nas redes sociais. Todo un traballo sen ánimo de lucro feito pola asemblea do BNG de Viveiro, sen subvencionar nin contratar persoas ou empresas externas, e sen os medios dunha institución pública como é un Concello.”
“Un logro máis do BNG, que demostra que con vontade, compromiso e contando coa participación da veciñanza, todo se pode acadar, é unha mostra máis de que o BNG de Viveiro é a alternativa a gobernar Viveiro”, finalizou Míriam.
Por último, o BNG volve a parabenizar a Loureiro por contratar a unha empresa externa para realización de perfís en redes sociais, por algo se empeza, aínda que tamén lamentan que agardase a facelo ao último ano de mandato, en ano electoral.