Reclama iniciar xa o investimento de 2.000.000 euros incluído dentro do Plan Turístico Xacobeo para a comarca da Mariña
Madrid, 2 de xuño de 2022. Os representantes do BNG no Congreso e o Parlamento de Galiza, Néstor Rego e Daniel Castro, visitan a vila luguesa de Lourenzá, xunto cos concelleiros Áurea Vázquez Abal e Kike Rocha, para coñecer de primeira man o estado do mosteiro de San Salvador. Após a reunión mantida coa asociación Patrimonio Laurentino, o deputado no Congreso comprométese a rexistrar iniciativas para coñecer o estado das accións que levará a cabo o Goberno do Estado para evitar aínda máis o deterioro deste inmóbel e que foron anunciadas dentro do Plan Turístico Xacobeo 2021-2020.
O mosteiro de San Salvador de Lourenzá fundouse no século X por Osorio Gutiérrez, o Conde Santo, e ao longo dos anos foise ampliando co que nel concorren varios estilos arquitectónicos, do románico o barroco. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1974 e, posteriormente Ben de Interese Cultural. Esta vinculado ao territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte, ruta da Costa, que foi á lista do Patrimonio Mundial pola UNESCO.
Neste edificio albérganse diversas actividades como a relixiosa, sendo templo parroquial, como lúdica-cultural por situarse o Museo de Arte Sacra e o Museo da Faba, e mesmo administrativa, posto que alberga tamén a casa consistorial e a oficina de Correos. A parte sur do mosteiro é de titularidade municipal e é onde se atopa a Casa do Concello, o Museo da Faba e mesmo a oficina de Correos. Esta zona atópase en boas condicións mais a parte norte presenta un notábel deterioro.
Durante a reunión cos representantes da Asociación Patrimonio Laurentino, o deputado do BNG no Congreso comprometeuse a rexistrar iniciativas na cámara baixa para coñecer o estado das actuacións levadas a cabo polo executivo estatal. “É necesaria unha intervención e unha reparación urxente nesta zona do mosteiro e o Goberno do Estado debe facelo de maneira inmediata” destaca Rego.
O deputado lembra que a Ministra de Industria, Comercio e Turismo presentou hai un ano o Plan Turístico Xacobeo 2021-2020 que recollía o compromiso de artellar o investimento turístico do Estado, en colaboración coa Administración galega, en actuacións de gran relevancia económica no patrimonio cultural. “Dentro deste programa, o Ministerio de Turismo recollía o compromiso de, a través dos fondos Next Generation EU, investir un total de 2 millóns de euros no mosteiro de San Salvador de Lourenzá” lembra Rego destacando que esta inversión debería ser executado entre 2021 e 2023.
Porén, segundo a información que se coñece até o de agora o intento de chegar a un convenio para a cesión ao concello da parte a rehabilitar, non chegou a efectivizarse despois de que o Ministerio negase a posibilidade de realizar o investimento anunciado pola titularidade do ben. “Non se entende que o Ministerio deixe de lado a negociación do convenio de cesión” subliña Rego, “o executivo estatal debe atopar a posibilidade de achegar esa axuda económica”.
“É notábel o deplorábel estado de conservación que presentan os claustros e as transversais do propio edificio. Condicións que impiden que ditas zonas poidan te un uso concreto debido á pouca seguranza que presentan” explica Rego. De facto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural realizou unha actuación de urxencia- bastante polémica polo uso de chapa metálica en dita reforma- xa que o risco de perda e de dano irreparábel era moi serio.
Pola súa banda, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, lembrou que a organización nacionalista presentou na cámara galega varias iniciativas ante a pasividade das administracións para conservar este Ben de Interese Cultural. “Na última delas reclamabamos á Xunta de Galiza que revisase a elección de materiais empregados na reforma da cuberta do mosteiro e mesmo demandabamos que se reducise o prazo máximo de permanencia de dita reforma, baixando de catro a dous anos” destaca Castro.