Rosana Pérez lembrou que este colectivo desenvolve o seu traballo a bordo dos barcos dedicados á pesca de diferentes artes velando polos controis de medicións, tempo de travesía, estado dos aparellos e horas de calado e virado
Santiago de Compostela, 21 de Xuño, 2021. A través dunha proposición non de lei, defendida pola portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez, o BNG acadou un acordo unánime para : “levar acabo as accións necesarias que permitan iniciar o procedemento para o establecemento dos coeficientes redutores da idade de xubilación do colectivo de observadores e outros colectivos que dependen da Consellería do Mar”, e en segundo lugar, “ instar á Xunta a dirixirse ao goberno de España para iniciar o proceso de revisión dos coeficientes redutores dos traballadores e traballadoras do mar, adecuando os mesmos ás circunstancias actuais da frota e da actividade marítimo Pesqueira e acuícola.
Para a parlamentaria, este acordo é “un primeiro chanzo” dunha vella reivindicación do colectivo a pesar de que a lexislación actual de seguridade social establece que o procedemento para establecer os coeficientes redutores na idade de xubilación, no caso do persoal pertencente ás administracións públicas debe ser á iniciativa conxunta entre as formacións sindicais máis representativas e a administración da que dependa o colectivo.
Os observadores ou mostradores da propia Consellería do Mar, explicou a portavoz de pesca nacionalista, embarcan en calquera punto da costa galega para desenvolver as súas funcións e con disponibilidade absoluta dependendo do horario do porto de saída. Estes embarques en buques profesionais e de propiedade privada cunha xornada que depende do tipo de barco e da pesca que pode abranguer entre 3 e 16 horas, pode realizarse de día ou de noite e supeditados ás condicións meteorolóxicas. Polo tanto, considerou a parlamentaria do BNG que están sometidos ás mesmas condicións laborais dentro do réxime especial do mar pero non se lles aplica a “idade de xubilación establecida pola lei” que na súa opinión “representa unha discriminación”.
Por esta razón, dixo, desde o BNG mantivemos na nosa autoemenda o primeiro punto por entender que se pode iniciar o proceso como recolle a administración ao que sumou a lexislación de seguridade social que permite a Xunta iniciar o trámite conxuntamente coas organizacións sindicais máis representativas. A maiores, puntualizou a deputada do BNG, a lexislación de pesca que na actualidade está a exposición pública e recollendo “algúns cambios” a respecto de determinados colectivos do mar, pode introducir esta demanda.
Rosana Pérez amosou o seu apoio a que todos e todas as traballadoras do mar en circunstancias “gravosas, penosas, perigosas ou de outra índole” como recolle a propia administración ”, conten coa posibilidade dos coeficientes redutores á hora de abordar a idade de xubilación.
Dende o BNG, afirmou, entendemos que as distintas petición non son incompatibles como xa defendemos no caso dos garda costas e outros colectivos.
A deputada considerou que o apoio das forzas políticas no Congreso reforzaría en grande medida o acordo do Parlamento galego e de aí a súa insistencia para que “todo o persoal de mar” poda verse reflectido no contido deste acordo.
A parlamentaria do BNG solicitou tamén o apoio dos grupos do PP e PSOE para presentar as emendas que consideren ao proxecto da lei de pesca para que todos os traballadores do mar, sexan ou non da administración, teñan os “mesmos dereitos”.