Ao longo desta semana realizarán esta actividade con distintos cursos de primaria, pasando todo o alumnado, desde primeiro ata sexto
Burela, 16 de xuño de 2022. O centro de educación ambiental Gaia do Concello de Burela continúa coas actividades dirixidas a centros de ensino para educar e sensibilizar aos máis pequenos e pequenas co fin de acadar un desenvolvemento máis sostible.
Ao longo desta semana levaron ao ceip Virxe do Carme unha adaptación do tradicional xogo “pasapalabra”, moi coñecido pola súa presenza na parrilla televisiva ao longo dos anos. As monitoras de Gaia fixeron unha adaptación recollendo contidos dos libros, ordenadores e distintos materiais que o alumnado foi traballando durante o curso escolar para redactar as preguntas.
Dividindo as aulas en dous grupos, van formulando estas cuestións para que cada un dos equipos se poña de acordo e o voceiro ou voceira dea a resposta. O grupo que antes finalice o rosco ou teña menos erros (marcando con verde os acertos e con vermello as respostas incorrectas), gaña.
Todo o alumnado do Virxe do Carmen realizará este xogo, desde primeiro a sexto de primaria. A temática de todas as preguntas do xogo é unha temática medio ambiental, sobre a reciclaxe, o planeta, a natureza, a biodiversidade ou o uso sostible dos recursos, coa premisa de que figure nos contidos traballados ao longo do curso.
Con esta actividade preténdese concienciar a todas as nenas e nenos do importante que é o coidado e o respecto ao medio ambiente para o futuro do planeta, empregando a técnica da gamificación para afianzar os coñecementos dun xeito divertido e práctico.