A directora Xeral de Turismo, a ex alcaldesa e vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia e o CEO de Medrar Smart Solutions pasaron revista ás posibilidades que ofrece ao municipio o continuo incremento de peregrinos no Camiño Norte
Mondoñedo, 17 de xuño de 2022. Mondoñedo acolleu este xoves unha mesa redonda sobre O impacto socioeconómico do Camiño, que tivo por marco o Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago. Participaron a directora xeral de Turismo, Nava Castro; a ex alcaldesa de Mondoñedo e vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, e Hugo Criado CEO de Medrar Smart Solutions. O foro estivo moderado polo delegado do Progreso na Mariña, Xavier Lombardero.
Dende o goberno municipal, sinálase que o Camiño supón a “entrada doutras culturas”, co conseguinte intercambio no que “tanto nos aportan eles, coa ampliación de perspectivas culturais que supón, como nós a eles, porque veñen con fame do autentico”.
Os responsables municipais de Mondoñedo destacan nos visitantes: moderación, concreción, respecto, hábitos de vida saudables, educación, agradecemento”. O equipo presidido polo alcalde, Manuel Otero, sinala que queda claro que este tipo de “turismo” é posible.
Dende o Concello manifestan que, no económico, non cabe dúbida de que o Camiño “é hoxe o motor de Galicia, a divisa que se reparte mais socialmente; impulsa pequenos proxectos familiares de hostalería e hospedería, negocios complementarios, tendas, farmacias, etcétera; todo o que toca os camiños colle valor”. Engaden, asemade, “que axudan a innovar”.
Dende o punto de vista do patrimonio, segundo a opinión expresada polo goberno de Mondoñedo, os peregrinos “fan cos seus comentarios que poñamos en valor o que temos e que o coidemos, tanto o material como o inmaterial”. Destacan a importancia do crecemento continuo do número de peregrinos. En síntese, o Camiño fomenta o traballo en equipo e o asociacionismo, incentiva a rehabilitación e incentiva colaboración pública e privada.
O goberno municipal destaca como retos eliminar burocracia e aproveitar o Camiño para asentar emprendemento, polo que, en palabras de Elena Candia, “o que analizamos hoxe en Mondoñedo é extrapolable ao resto de Camiños da provincia”.