A Policía Nacional de Lugo recibe oito tabletas que facilitarán a operatividade dos equipos de Seguridade Cidadá
Lugo, 17 de xuño de 2022. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe a aposta do Goberno pola modernización dos medios da Policía Nacional, á que está a dotar de avances tecnolóxicos que lle permitan axilizar a súa capacidade de resposta en materia de seguridade cidadá. A subdelegada e o comisario xefe principal, José María Esteban, presentaron hoxe a implantación do Plan Smart Pol na provincia de Lugo, “un plan de choque que pon en marcha o Ministerio do Interior para avanzar na modernización dos equipos das unidades policiais”.
Isabel Rodríguez anunciou que, dentro deste Plan, a Policía Nacional de Lugo vén de recibir oito tabletas, seis delas asignadas á capital e as outras dúas ás comisarías de Monforte de Lemos e de Viveiro, que facilitarán a operatividade dos equipos de Seguridade Cidadá. “Coa incorporación destas tabletas damos un novo paso na modernización dos medios das nosas forzas de seguridade”, manifestou a subdelegada.
Rodríguez lembrou que “queremos dotar de novos medios á Policía Nacional para que siga a ser unha das institucións mellor valoradas pola sociedade lucense, grazas ao gran labor que realiza polo que quero felicitar ao comisario principal e a todos os componentes da plantilla na provincia, tanto na capital como nas de Monforte e Viveiro”.
Cos novos medios tecnolóxicos, “reforzamos a súa capacidade de resposta e axilízase o acceso á información e ás bases de datos por parte dos equipos de Seguridade Cidadá, co conseguinte aforro de tempo e ocasionando menos molestias aos cidadáns”, explicou.
Rodríguez resaltou que “o obxectivo último é aumentar a eficacia policial e, polo tanto, mellorar a protección dos veciños, dando unha resposta máis rápida ante calquera situación na que teña que intervir a Policía Nacional”.