Lugo, 15 de xuño de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, felicitou hoxe polo seu ascenso a xeneral de brigada da Garda Civil a Miguel Ángel González Arias na mesma xornada na que despediu a Fernando Otero Alonso que esta semana deixa o cargo de capitán marítimo de Burela debido á súa xubilación.
Isabel Rodríguez expresou a súa satisfacción polo ascenso a xeneral de brigada do corpo da Garda Civil do ata agora coronel xefe da Comandancia de Lugo, Miguel González Arias. O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o Real Decreto co seu ascenso, que foi aprobado onte en Consello de Ministros a proposta dos Ministerios de Defensa e do Interior.
“É un ascenso moi merecido e deséxolle os maiores éxitos en calquera destino para o que sexa nomeado”, destacou Rodríguez e explicou que “eu puiden comprobar a súa gran valía e profesionalidade en todo o tempo que levo traballado con el, sempre pendente dos problemas da provincia, como demostrou, por exemplo, con motivo da pandemia, cando se implicou enormemente para dar protección aos veciños, e tamén fixo un gran labor ao fronte da Comandancia”.
XUBILACIÓN DO CAPITÁN MARÍTIMO
A subdelegada tamén eloxiou a traxectoria profesional de Fernando Otero Alonso, ao que recibiu hoxe con motivo da súa inminente xubilación como capitán marítimo e xefe provincial da Zona Marítima do Mitma na provincia de Lugo.
Rodríguez agradeceulle a Fernando Otero a súa profesionalidade e o seu traballo a fronte da Capitanía Marítima de Burela, nun período no que tivo que facer fronte, entre outros feitos, á caída ao mar, na zona do fondeadoiro de San Román, de 22 pás de aeroxeneradores que transportaba o buque BBC Ontario con destino a Alexandría (Exipto) ou o rescate do buque Muros evitando que varase nas rochas.